A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que a obra civil da Estación depuradora de augas residuais (Edar) da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves estará rematada este verán. Este foi un dos avances que os directores de obra da Edar e da Etap da Plisan lle trasladaron á conselleira no transcurso dunha reunión por videoconferencia, na que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, para analizar o avance destas actuacións tras o parón derivado do estado de alarma pola covid-19.
Segundo lle indicaron á conselleira de Medio Ambiente, na actualidade a depuradora está executada nun 50%, polo que nos vindeiros meses se seguirá avanzando na obra, que concluirá coa instalación de equipos no mes de agosto.
Asemade, na reunión tamén se analizou o estado da Estación de tratamento de auga potable (Etap) da Plisan, que terá unha capacidade de 77 l/s, a execución dunha captación de auga no río Miño, a instalación dunha impulsión entre captación e Etap e a construción dun depósito xeral de regulación para a plataforma de 6.850 m3 de capacidade (5.250 m3 útiles).
Na actualidade, o grao de execución desta actuación sitúase en case o 20% e, segundo as previsións que manexa a Consellería de Medio Ambiente, estas poderían rematar no primeiro cuadrimestre de 2021.
A conselleira de Medio Ambiente indicou que estas infraestruturas darán servizo ás primeiras empresas que se instalarán na Plisan, despois de que se lles adxudicaran cinco parcelas, as primeiras que se asignaron dentro desta gran área empresarial e que suman en total case 69.000 metros cadrados. Cómpre lembrar que todas elas foron adxudicadas en réxime de dereito de superficie, unha modalidade que lle permite aos beneficiarios acceder a solo empresarial pagando cada ano unha pequena cantidade e lles facilita así o financiamento do proceso de instalación e o inicio da súa actividade.
Nese sentido, recordou que o Consello da Xunta vén de acordar a flexibilización dalgunhas das obrigas dos adxudicatarios de solo en alugueiro ou en dereito de superficie da súa propiedade, co obxectivo de favorecer a reactivación da economía.
Así, no caso das parcelas xa adxudicadas ofrécese unha carencia de 12 meses no pagamento do canon de dereito de superficie, para facilitar a recuperación das empresas instaladas. Tamén será posible solicitar prórrogas ou ampliación de prazos para o cumprimento de obrigas por parte dos adquirentes de solo empresarial en réxime de compravenda ou en dereito de superficie, unha medida que beneficiará principalmente aos adxudicatarios de solo bonificado, que teñen a obriga esencial de construír as súas instalacións e dispoñer da licenza de actividade nun máximo de tres anos.
Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso amosado pola Xunta co tecido empresarial mantendo e mesmo incrementando os beneficios dispoñibles para a súa implantación en parcelas propiedade do IGVS e de Xestur, e solicitou á Administración central que impulse tamén á súa vez mecanismos que incentiven a reactivación económica naquelas superficies empresarias que ten en Galicia.
Así, lembrou que o Goberno é un dos promotores da Plisan e por esa razón, pediulle que adopte as medidas adecuadas para favorecer a comercialización de solo industrial nesta gran área empresarial a prezos que incentiven a venda de parcelas e a implantación de novas actividades e proxectos no solo dispoñible.