O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación definitiva da modificación do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, que permitirá acometer a terceira fase de ampliación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que a reforma urbanística incrementará en máis de 67.000 metros cadrados este polígono para definir case 40 novas parcelas, cunha superficie media de 1.000 metros cadrados cada unha.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten en marcha actualmente as obras de ampliación da segunda fase, que supoñen urbanizar case 90.000 metros cadrados máis de chan industrial. Deron comezo a principios de ano e contan cun prazo de execución de 10 meses.
A intervención conta cun investimento de 2,6 millóns de euros; habilítanse dúas áreas -unha de maior tamaño, de 25.000 metros cadrados e outra de 8.990-, e unha zona de aparcadoiro de 20.000 metros cadrados para dispoñer máis de 380 prazas, que ascenden a 530 contando as dispoñibles nos viarios. Igualmente, construirase unha praza pública que ocupará unha superficie de máis de 6.000 metros cadrados.
Arias sinalou que as iniciativas de ampliación do parque empresarial responden á demanda de solo que existe sobre esta zona, “que queremos cubrir ofertando parcelas con bos servizos e a un prezo competitivo”.
Neste sentido, lembrou que o polígono das Gándaras é a segunda superficie empresarial na que máis solo bonificado se adxudicou desde o ano 2015 en Galicia -despois do polígono de Bértoa en Carballo-, e apuntou que as parcelas que se están a construír na segunda fase tamén se benefician da bonificación dun 50% sobre o prezo de venda.
Estas actuacións derivarán nun incremento de ocupación no polígono e, polo tanto, da intensidade do tráfico, especialmente de camións. Neste sentido, a Xunta comparte cos empresarios da zona a demanda de que o Goberno do Estado habilite unha saída directa dende o parque empresarial cara á autovía A-6.