A consellería de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia vén de solicitar ao Ministerio de Industria e Turismo unha convocatoria urxente da mesa de seguimento de Alcoa para que a empresa defina os plans que ten previsto para a planta de San Cibrao.
Lorenzana reuniuse hoxe co comité de empresa da factoría luguesa logo de que onte dese a coñecer o aprazamento temporal dos investimentos que tiña comprometidos para o forno de cocción de ánodos, unha infraestrutura moi importante para as instalacións da Mariña.
“Entendemos que é moi importante que a empresa explique a que se refire cando fala de aprazamento temporal”, aseverou. “Para nós é fundamental que a empresa aclare cando se van levar a cabo, e cremos que ten que ser nunha mesa onde estean presentes a totalidade das administracións, a empresa e o comité”, engadiu.
Segundo dixo, “ese aprazamento ten que ter uns tempos e non pode ser de natureza indefinido porque, de ser o caso, estariamos en condicións de analizar se está cumprindo ou non o acordo”. Neste sentido, adiantou que a Administración autonómica vai seguir analizando cos seus servizos xurídicos as decisións tomadas pola empresa e a súa viabilidade, tendo en conta o acordo asinado.
A conselleira explicou que Alcoa alega como unha das causas para non poder levar a cabo neste momento os investimentos a súa delicada situación, debido aos prezos enerxéticos e pouco competitivos que ten agora mesmo España e a dificultade para asinar PPAs coas enerxéticas.
Ao respecto, volveu recalcar a necesidade de que o Goberno central “regule no estatuto para as empresas electrointesivas medidas e axudas acaídas para que non exista ese risco de deslocalización”. Igualmente, subliñou a importancia que ten para a industria “que exista un adecuado desenvolvemento das fontes renovables, dos proxectos de todo tipo, proxectos eólicos, que ao final -dixo- son os que permiten levar a cabo eses acordos e colaboracións para mellorar os prezos enerxéticos”.
A conselleira concluíu manifestando “o absoluto apoio da Xunta de Galicia ao comité de empresa e aos traballadores”. E lembrou que a Administración autonómica leva traballando “insistentemente e de maneira continuada” con eles por que se manteña o emprego e a actividade industrial en Alcoa.