O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo no foro Actuais desafíos das empresas, organizado polo Banco Santander e Prensa Ibérica, onde asegurou que a dixitalización e a sostibilidade van ser factores clave na transformación actual que está a vivir o tecido produtivo galego.
Nese contexto, salientou que é necesario seguir apostando pola colaboración público-privada entre as empresas e as administracións, polo que asegurou que a Xunta de Galicia continuará traballando para establecer espazos de cooperación para identificar necesidades e oportunidades; aliñar obxectivos; e dar resposta aos grandes desafíos.
“Temos que ser capaces de facer un acompañamento desde o punto de vista financeiro e tamén desde o punto de vista dos fondos europeos Next Generation para que estes poidan chegar realmente ás pemes e aos autónomos”, indicou, ao mesmo tempo que lle pediu tamén esa colaboración ao Goberno de España “para que haxa unha certeza sobre os prazos e os criterios para poder aplicar estes fondos europeos e que sexan útiles para esa transformación”.
Así mesmo, Conde manifestou que, para que a recuperación sexa efectiva, España debe seguir as recomendacións da Unión Europea e activar a curto prazo un plan de choque para facer fronte aos incrementos da electricidade “para que realmente as empresas electrointensivas e tamén as pemes poidan acceder a un prezo eléctrico competitivo”.