A Xunta de Galicia urxiu hoxe ao Consello de Estado a que lle traslade “canto antes” o seu ditame sobre a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia no que se basea o recurso de inconstitucionalidade en contra desta norma, cuxa presentación foi anunciada a pasada semana na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros.
Logo de subliñar que a única comunicación oficial sobre esta cuestión foi unha chamada telefónica ao presidente da Xunta, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, exixiu “claridade e respecto” ao Goberno central porque a Lei do litoral “non vai contra a Constitución nin vai contra a Lei de costas”, senón que responde á defensa dos lexítimos intereses de Galicia en base ás competencias recollidas no Estatuto de Autonomía.
De feito, cómpre salientar que ao longo da súa tramitación, que foi moi participada, nin o Observatorio do Litoral, nin o profesorado das 3 universidades galegas, nin ningún dos expertos xuristas consultados lle veu trazos de inconstitucionalidade. E, ademais, segundo lembrou a vicepresidenta segunda, na súa tramitación parlamentaria “non tivo nin un só voto en contra”.
Nesa liña, e coa vontade de manter o consenso co que foi elaborada a lei, o Goberno galego manterá unha rolda de reunións cos sectores vencellados ao litoral da Comunidade. Así, esta mañá a vicepresidenta segunda e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuníronse con Marta García e Francisco Javier Sanz Larruga, responsables do Observatorio do Litoral, recoñecido grupo de investigación dependente da Universidade da Coruña especializado no estudo e análise de cuestións xurídicas relativas ao litoral.
A maiores, a conselleira lamentou o procedemento elixido polo Goberno central de recorrer ante o Tribunal Constitucional antes de poñerse en contacto coa Administración autonómica e levar a cabo unha comisión bilateral na que dialogar e chegar a consensos. “Prívaselle á Administración autonómica desa posibilidade que sempre se dá e que nós sempre lle damos ao Goberno central cando hai leis coas que non estamos totalmente de acordo, como, por exemplo, coa lei de vivenda”, incidiu Ángeles Vázquez.
A conselleira tamén fixo fincapé no “mar de incertidumes” que xera a decisión do Goberno central de presentar este recurso coa paralización de proxectos importantes tanto para os concellos como para a cadea mar-industria.
Pola súa banda, o conselleiro do Mar sinalou que a lei do litoral galega foi elaborada con moita información e redactada por profesionais que coñecen máis que ninguén desta materia, expertos do ámbito universitario “que se tomaron o tempo necesario para alcanzar un documento ben cimentado e moi ben argumentado”. Un importantísimo traballo xurídico que fai que resulte, segundo Alfonso Villares, “que sexa tan difícil de entender este recurso”.
“Estamos a falar da xeración de novos postos de traballo que esta impugnación deixa no aire, cortando todas as expectativas das empresas e xerando unha confusión enorme”, argumentou o conselleiro, que denunciou “unha incerteza que alcanza ao sector mar-industria no seu conxunto”. Unha actividade que en Galicia sustenta 40.000 empregos e xera arredor de 9.000 millóns de euros de impacto na economía autonómica.
Alfonso Villares argumentou que “parece que ao Goberno lle molesta a nosa defensa do sector”. Por iso, sinalou que desde a Xunta de Galicia o que toca agora é reunirse con todo o sector, que xa transmitiu a súa preocupación e inquedanza porque se vaia contra unha lei que fora consensuada con eles. “Todos os implicados na elaboración desta norma valoraremos as melloras medidas para seguir defendendo o noso litoral, ao noso sector mar-industria e todos eses postos de traballo que o recurso pon en perigo”, dixo.