A Xunta de Galicia presentará este xoves, día 26, as persoas que coordinarán as comisións de traballo encargadas de renovar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe este importante paso, cualificándoo como “primeiro e imprescindible” para a posta en marcha destes grupos.
“Trátase dun chanzo importante de cara a avanzar nun novo escenario para o noso idioma”, subliñou López Campos tras a reunión co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras. Este encontro enmárcase nunha rolda de contactos con diversas institucións e entidades sociais co obxectivo de acadar un Pacto pola Lingua. Entre as institucións xa consultadas figuran o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, ademais de editoriais históricas como Galaxia e representantes do ámbito eclesiástico e da xustiza. Tamén se mantiveron encontros interdepartamentais, como coa Consellería de Sanidade, para definir accións concretas de impulso do galego nestes ámbitos.
O conselleiro destacou que, tanto a reunión coa Mesa como a presentación dos coordinadores, demostran o “traballo arreo” da Xunta e o seu compromiso co “obxectivo de impulsar o prestixio e uso social do galego, que pasa por actualizar ese plan e adaptalo á realidade dos nosos días”.
López Campos salientou a “actitude construtiva e en positivo” do Goberno galego dende as primeiras xuntanzas coas institucións e os partidos políticos. Lembrou que a Xunta foi a primeira en propoñer a creación destes grupos de traballo, “ao que lle segue agora a designación dos seus coordinadores”.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o conselleiro asegurou que a elección destas persoas “está avalada pola súa valía, tanto pola súa formación académica como pola súa experiencia profesional vencellada sempre á área de traballo en cuestión”.
Finalmente, adiantou que á designación dos coordinadores “seguiralle inmediatamente” a configuración dos grupos de traballo con todos os seus membros, buscando especialistas en cada unha das áreas temáticas que traballarán na revisión e actualización do plan.