O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2023 que distinguen aos galegos que fixeron contribucións senlleiras e levaron o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. O titular do Goberno autonómico informou de que os premiados deste ano son a escritora Ledicia Costas, o grupo Siniestro Total, a deportista Susana Rodríguez Gacio, o empresario Lino de Prado e o oncólogo Rafael López.
Rueda salientou que a Xunta decidiu galardoar a escritora Ledicia Costas, “unha das autoras mais recoñecidas e traducidas da literatura galega”. Gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, é autora de 16 libros infantís, unha novela de adultos e poemarios.
Rueda anuncia que a gala de entrega será o vindeiro 28 de xuño, coincidindo co “co aniversario do plesbicito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia” e “do regreso a Galicia “dos restos mortais de Castelao”
Tamén no eido Cultural, o Goberno galego recoñece a traxectoria do grupo de punk-rock Siniestro Total, liderada durante case 40 anos por Julián Hernández e que “foi un referente dos anos da movida en Galicia”, salientou o presidente.
Outra das Medallas Castelao deste ano recae na médica e atleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio. Ouro nas Olimpiadas de Toquio, Rueda explicou que Rodríguez “conta ademais con nove medallas no Campionato Mundial de Triatlón adaptado, sete no Campionato Europeo de Triatlón adaptado e acaba de revalidar o título de campioa de Europa en paratriatlón”.
O empresario ouresán Lino de Prado, que emigrou hai décadas a México onde desenvolveu diferentes proxectos empresariais e foi directivo de Inditex, é outro dos premiados nesta edición “polo seu carácter emprendedor”. “É un dos empresarios máis destacados de México e nunca esqueceu as súas orixes galegas”, resaltou Rueda.
Por último, a Xunta concede a Medalla Castelao ao xefe de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Rafael López, polo seu “compromiso e dedicación para seguir avanzando na loita contra o cancro”. López lidera diferentes grupos de investigación a nivel nacional e internacional e ten publicados artigos en prestixiosas revistas científicas.
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario e intelectual. “A gala de entrega celebrarase o vindeiro 28 de xuño, coincidindo co aniversario da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao”, explicou o presidente.