A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para mañá a alerta vermella por temporal costeiro no litoral oeste e noroeste da Coruña e no de Lugo.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará a partir desta medianoite. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 10 metros. No restante litoral galego quedará activada a alerta laranxa, que se prevé que dea comezo xa esta tarde por mar combinada con ondas de ata 8 metros e vento de forza 8.
A maiores, esta medianoite activarase tamén a alerta laranxa por vento no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo, onde se poderán acadar refachos de ata 100 km/h.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes ou paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ante a alerta por vento, sinálase ademais a necesidade de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.