A Xunta de Galicia abre o prazo para inscribirse no intercambio xuvenil a Xapón do programa A Xuventude no mundo, que volve a celebrarse do 1 ao 6 de setembro, logo do parón provocado pola covid-19. O obxectivo é facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas, así como favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais.
Deste xeito, a maiores de participar as persoas que xa tiñan praza adxudicada en 2020, e que veñen de confirmar a súa participación de novo, ábrense 12 prazas máis para completar o grupo do intercambio. Os participantes da iniciativa, mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, viaxarán a Prefectura de Wakayama, no país nipón.
O intercambio cubre o aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, o transporte no ámbito do intercambio e as actividades organizadas pola entidade de acollida.
PRAZO
As mozas e mozos interesados teñen aberto o prazo desde hoxe ata o 29 de maio. Para inscribirse teñen que facelo no formulario electrónico habilitado na web de Xuventude. A admisión será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio.
A Xunta aposta por facilitarlle experiencias no estranxeiro á mocidade galega co fin de mellorar as súas habilidades, as súas competencias lingüísticas e os seus coñecementos sobre outros estilos de vida e culturas. Esta aprendizaxe e implicación activa serviralles para a súa vida persoal pero tamén para mellorar a súa empregabilidade.