A Xunta abre hoxe a consulta pública previa da futura Lei de planificación, organización e impulso da intelixencia artificial (IA) en Galicia para recoller as suxestións e achegas que a cidadanía e entidades públicas e privadas poderán realizar ata o vindeiro 15 de outubro a través do Portal de Transparenciada Administración autonómica.
A futura lei galega de IA buscar crear unha regulación única, sistemática e coherente, que permita un uso eficaz, eficiente, ético e seguro da intelixencia artificial na Administración Xeral e do sector público autonómico (SPAG), aliñada co marco europeo, que establecerá a Lei de Intelixencia Artificial.
OBXECTIVOS
A norma galega buscar introducir unha serie de medidas para establecer un marco legal uniforme para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA na Administración xeral e do SPAG e fixa os principios éticos reitores do deseño, adquisición e implantación dos sistemas de IA en Galicia.
A futura norma busca, entre outros aspectos, crear un marco legal uniforme para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA na Administración xeral e do sector público autonómico, en liña cos valores e o marco normativo establecido polas institucións europeas.
Ademais, a futura lei busca recoñecer á cidadanía, con carácter vinculante, unha serie de dereitos, en relación cos sistemas de IA empregados polo Administración pública autonómica galega; fomentar a colaboración público-privada e potenciar as oportunidades existentes a nivel autonómico, estatal e internacional no eido a IA, especialmente coa futura Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), así como aumentar a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado a Galicia.
NODO GALICIA
O texto do anteproxecto de lei foi presentado esta semana á Comisión de Seguimento do nodo galicIA, que se encarga de velar polo cumprimento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), e foi o encargado de preparar a candidatura de Galicia para acoller a sede da AESIA.
Cidadáns e entidades poderán realizar as súas achegas, suxestións e alegacións a través do Portal de Transparencia ata o vindeiro 15 de outubro
O nodo galicIA está formado pola Consellería de Economía Industria e Innovación; a Consellería de Facenda e Administración Pública; a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; a Consellería de Sanidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así como pola Comunidade de Traballo Galicia Norte de Portugal; a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.
REXIÓN DE REFERENCIA
A futura Lei de planificación, organización e impulso da intelixencia artificial en Galicia é un paso máis no marco da ruta establecida Estratexia Galicia Dixital 2030 para incorporar as tecnoloxías disruptivas na Comunidade.
No caso da IA, Galicia foi unha das tres primeiras Comunidades autónomas españolas en aprobar unha estratexia propia de intelixencia artificial (a EGIA), ademais foi designada como sede da primeira axencia estatal de supervisión da intelixencia artificial que se crea en Europa. Nesta designación foron esenciais a madurez dixital da rexión, a concentración de coñecemento en torno á Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación; os dous ‘hubs’ de innovación; e o peso dun sector tecnolóxico con máis de 3.000 empresas e 21.800 empregados.