viernes. 22.11.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar un ciclo de conferencias centrado nos “Retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables”. Conta ademais co apoio do Campus Industrial da Universidade da Coruña, da Autoridade Portuaria da Coruña e do Instituto Enerxético de Galicia.

A xornada de mañá mércores, 29 de xuño, terá lugar en Ferrol, no salón de actos do Campus, a partir das 17:00 horas. No transcurso da mesma abordaranse os retos actuais da enerxía eólica e das enerxías do mar. Á presentación asistirá o presidente da RAGC, Juan Lema.

AEREOXENERADORES

A xornada comezará coa intervención de Camilo Carrillo, profesor titular de Enxeñaría Eléctrica da Universidade de Vigo. Centrarase na evolución tecnolóxica dos aeroxeradores, os retos que presenta a súa integración na rede eléctrica e o desenvolvemento dos parques eólicos offshore. Nesta liña, o experto salienta que “a enerxía eólica experimentou un ritmo de crecemento de dobre díxito durante os últimos dez anos, o cal se viu reforzado pola crecente instalación de parques eólicos offshore. Así, en 2021, a eólica offshore supuxo un 22.5% da potencia eólica instalada nivel mundial”. Carrillo indica que, paralelamente a esta evolución do mercado, “a tecnoloxía eólica sufriu unha gran transformación, necesaria para facer fronte a uns desafíos cada vez máis esixentes, como pode ser a instalación de aeroxeradores mariños”.

Camilo
Camilo Carrillo.

O crecemento da xeración eólica implica que a súa presenza no mix enerxético é cada vez máis importante -en España está por riba do 20%-. Segundo os expertos, isto esixe uns requisitos técnicos cada vez maiores para que o seu comportamento, desde o punto de vista de xeración, sexa asimilable ao das centrais convencionais en termos de participación nos servizos do sistema eléctrico.

A EÓLICA MARIÑA FLOTANTE

Manuel Fernández e Pablo Alberte, director de proxecto e director de enxeñaría da empresa franco-lusa Ocean Winds, con sede en Madrid, relatarán a relevancia da eólica mariña flotante e o seu marco normativo en España. Salientan que “España conta cun importante recurso eólico no mar. Pero debido ás condicións de profundidade que se alcanzan a escasa distancia da costa, o noso país quedouse fóra do gran desenvolvemento da eólica mariña que se produciu no norte de Europa nos últimos anos. A madurez que está a lograr a tecnoloxía eólica flotante fai que nos atopemos ante unha oportunidade única para que España poida incorporarse e ter unha posición de liderado na eólica mariña flotante”. Na súa intervención abordarán aspectos técnicos singulares da eólica mariña flotante como as plataformas flotantes, os seus sistemas de ancoraxe, os cables dinámicos ou as subestacións flotantes.

AS ENERXÍAS DO MAR

Alejandro Romero, xestor de proxectos da Plataforma Oceánica de Canarias, falará sobre as enerxías do mar. Explica que “os mares e océanos cobren máis do 70% da Terra, unha extensión que abrangue unha cantidade inxente de enerxía. A eólica mariña con base fixa alcanzou xa madurez tecnolóxica suficiente e prevese que a eólica flotante o faga nesta década. Pero, máis aló do vento, os océanos posúen máis de 1 millón de km3 de auga que se move”.

Alejandro Romero.
Alejandro Romero.

“O desenvolvemento tecnolóxico da eólica mariña beneficiouse dos anos de maduración dos sistemas de captación da enerxía do vento en terra, con todo, as enerxías oceánicas atópanse nun estado de desenvolvemento aínda temperán. Sabemos que enerxía temos que captar: o movemento das ondas, enerxía das mareas, as correntes mariñas ou o gradiente térmico. Pero aínda investigamos o mellor método para transformar esa enerxía en electricidade. No futuro, o noso sistema enerxético substituirá a combustión dos fósiles por un mix de enerxías cun denominador común, a sustentabilidade” -asegura Romero-.

A participación de Navantia no parque eólico mariño de Saint-Brieuc

No transcurso da xornada, Ángel Fernández, responsable comercial de Navantia Enerxías Verdes, presentará o proxecto Saint-Brieuc, un contrato para a construción de 62 jackets (cimentacións fixas que sustentan os aeroxeradores mariños) para o parque eólico mariño de Saint-Brieuc, na Bretaña francesa, por parte da alianza entre Navantia e a compañía asturiana Windar. O operador do parque (de case 500 MW) será Ailes Marines, filial francesa de Iberdrola.

Manuel Fernández.
Manuel Fernández.

O alcance do proxecto supón 1.250 empregos directos entre Fene e Avilés. Como consecuencia deste contrato, Navantia-Windar abriu unha planta na cidade francesa de Brest, onde se fabricaron compoñentes para 34 das 62 jackets do parque, en total 35.000 toneladas de aceiro, xerando 250 empregos directos durante dous anos.

Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias deste ciclo, de xeito presencial ou en liña, está aberto na plataforma Zoom.

 

Retos tecnolóxicos da enerxía eólica e as enerxías do mar
Comentarios