O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Orde do 23 de decembro de 2022 pola que se crea a Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia e o seu Consello Técnico Asesor.
O impulso da xestión do coñecemento e da formación dos profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia é un obxectivo fundamental da Consellería de Sanidade e, para iso, é preciso traballar baixo un prisma da aprendizaxe adaptativo, coa finalidade de permitir modificar os contidos e metodoloxías de formación ás necesidades do sistema de saúde, e de acordo cos medios que poidan existir en cada momento.
A formación baseada na simulación é unha ferramenta docente cada vez mais importante que permite incrementar os niveis de capacitación e as competencias, especialmente nas habilidades clínicas, dos profesionais sanitarios dentro dunha contorna segura. Nos últimos anos, prodúcese a nivel mundial unha aceleración no uso da simulación na formación, dada, precisamente, a importancia para os sistemas sanitarios de crear unha cultura de seguridade para o paciente.
A simulación permite reproducir experiencias reais de pacientes a través de escenarios guiados e controlados, creando un contexto que imita algún aspecto da realidade e que establece situacións ou problemas parecidos aos que se enfrontan os profesionais durante as diferentes prácticas clínicas ou cirúrxicas. Os avances tecnolóxicos permiten o desenvolvemento de modalidades cada vez máis sofisticadas de simulación, dispoñéndose na actualidade de modelos complexos de alta tecnoloxía e altamente realistas.
A formación, ou o adestramento, baseada na simulación é unha ferramenta que permite diminuír a curva de aprendizaxe, dado que permite repetir as técnicas todas as veces que sexa necesario. Posibilita, ademais, a aprendizaxe a través do erro, moi importante para poder reflexionar sobre o mesmo e poder corrixir os fallos clínicos ou de coordinación, simulando distintas experiencias prácticas, en distintas contornas, con maior ou menor complexidade. Do mesmo xeito, permite o desenvolvemento de capacidades superiores como as competencias en comunicación grupal, discusión e xustificación de accións, traballo baseado en evidencia, xestión do estrés ou do razoamento clínico.
MELLORA
Nos centros do Sergas existe, neste momento, distinto equipamento e espazos dedicados á simulación médica, e realízanse distintas actividades formativas dentro da súa programación. Dada a cada vez maior especialización de equipos e procesos de simulación, o desenvolvemento da simulación clínica require, cada vez máis, dun traballo colaborativo e en rede, que permita compartir os recursos dispoñibles e facilite dita especialización.
Por iso, lévase a cabo a creación da Rede de Centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia, para que os profesionais sanitarios dispoñan de diferentes recursos que faciliten a mellora da calidade asistencial, docente e de investigación, a través da simulación clínica, e que traballará na posta en común de medios e programas para á formación en simulación dos profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia.
Para seguir avanzando neste proceso de consolidación considerouse necesario crear, ademais, unha comisión de carácter técnico, na que se incorporen os responsables das distintas áreas e centros sanitarios, que se encargará de asesorar no desenvolvemento da Rede, da súa actividade, así como de organizar e difundir o acceso aos recursos dispoñibles, e que terá como finalidade o desenvolvemento e mellora continua dos programas formativos en simulación do Sistema Público de Saúde de Galicia.