martes. 14.05.2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, vén de inaugurar as xornadas online de promoción e comercialización das producións cárnica e silvícola organizadas entre hoxe e mañá polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). En dita apertura, apostou por que os produtos acollidos a selos de protección na nosa comunidade avoguen pola produción en ecolóxico garantindo as mellores prácticas e promocionando un consumo de proximidade, saudable e de calidade.

Na súa intervención a través da internet, José Luis Cabarcos referiuse nomeadamente aos sectores do mel, da castaña e da carne, avalados por indicacións xeográficas protexidas en Galicia, e ás posibilidades que ofrece para estes produtores o xiro ao ecolóxico, na liña do que marca o Pacto Verde Europeo e a Estratexia da Granxa á Mesa. Nese senso, afirmou que este tipo de produción máis respectuosa co medio ambiente contribúe a reducir os gases de efecto invernadoiro a nivel internacional a través do coidado auga, do solo e do aire, uns requisitos cada vez máis demandados polos consumidores.

Nesa dirección, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria considerou a agricultura ecolóxica como unha vía idónea para que os produtores galegos acaden o éxito no mercado, logrando vantaxes competitivas non só nos sectores mencionados senón tamén noutros vitais para Galicia como é o caso do lácteo.

As xornadas online de promoción e comercialización das producións cárnica e silvícola organizadas polo Craega teñen como obxectivo dar a coñecer as características destes sectores tanto a nivel de produción como de comercialización. Con distintos relatorios que se poderán seguir de xeito telemático entre hoxe e mañá, tamén se introducirá o ámbito normativo europeo e a estratexia da Comisión Europea ao respecto da agricultura ecolóxica.
 

Produción en ecolóxico, posibilidades para o sector primario