A Xunta ten aberto o prazo de presentación de candidaturas á primeira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. A convocatoria, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG), é unha iniciativa da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para recoñecer a destacada contribución de profesionais e empresas ao desenvolvememento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño.
Tal e como se recolle nas bases, o procedemento de presentación de candidaturas, aberto ata o 9 de decembro, é integramente dixital. O certame da Axencia Galega de Innovación (Gain) conta cun total de seis categorías. Tres delas están especificamente dirixidas a recoñecer a aqueles profesionais e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. A categoría de traxectoria innovadora recoñecerá a empresarios e profesionais cunha experiencia de polo menos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. As categorías de gran empresa e pemes distinguirán as compañías cunha actividade innovadora destacada de polo menos dez e cinco anos, respectivamente.
As outras tres categorías distinguirán aos profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo e outro para deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
Os recoñecementos para a traxectoria innovadora na categoría de gran empresa e o premio para empresas no apartado de deseño terán carácter honorífico, e para todos os demais resérvase unha dotación económica de 15.000 euros para cada un.
Entre os criterios de avaliación, os xurados das categorías de innovación terán en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva. Os xurados dos galardóns de deseño valorarán a traxectoria e achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos seus proxectos de deseño.
Con estes premios búscase destacar as mellores prácticas para que sirvan de inspiración a todo o tecido empresarial, poñendo de relevo como a innovación e o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.