A XIII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas porá en valor as pescudas sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico desenvolvidas no marco dos centros de ensino galegos. Así o anunciaron este mediodía o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Concha Losada; o coordinador do proxecto, Bieito Pérez Outeiriño; e o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, na rolda de prensa na que deron a coñecer os detalles da nova convocatoria desta iniciativa.
Trátase dunha "aposta por achegar a comunidade escolar ao medio e á cultura galegas", en palabras de Concha Losada, quen animou a profesorado e rapazada a participar neste proxecto que "pon en valor e visibiliza o patrimonio material e inmaterial galegos así como a lingua propia de Galicia, que se abordará a través da toponimia, a antroponimia ou a fraseoloxía", tal e como apuntou Valentín García.
Segundo engadiu o coordinador do proxecto, Bieito Pérez Outeiriño, nas últimas convocatorias xa se fixeron "traballos moi interesantes tanto por parte do profesorado como dos e das alumnas, que aprenden a coñecer o patrimonio desde o sentido máis amplo e desde as idades máis temperás".
PRAZO E BASES DE PARTICIPACIÓN
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, promovido desde 2004 pola fundación do mesmo nome e apoiado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, inclúe dúas modalidades de participación (ensino primario e secundario) dotadas, cada unha delas, con 7.000 euros destinados á materialización dos proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2024-2025. Os traballos resultantes serán expostos no Museo do Pobo Galego no derradeiro trimestre de 2025.
O prazo de participación estará aberto ata o 1 de xuño e o xurado emitirá o seu ditame antes do 22 dese mes.
O ámbito temático dos proxectos abranguerá un ou varios destes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte da contorna inmediata do centro e un capítulo, ou a liña de traballo, dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico relacionado co tema proposto. Ademais, valoraranse as accións que fomenten a educación en igualdade e o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado cos camiños de Santiago.
Na convocatoria anterior fixéronse cos galardóns o CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), co proxecto "Ecoparloteo, froitos da terra"; e o IES do Milladoiro (Ames) xunto co IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), polo proxecto conxunto "Ao son da oralidade. O noso patrimonio. Da pedra á palabra. Da prehistoria ao século XXI".