A Xunta de Galicia convoca a XXIII edición do Premio Elías Valiña, que este ano incrementa a súa contía un 50% para reforzar o recoñecemento de entidades e persoas a prol do Camiño de Santiago. O galardón, impulsado desde a Consellería de Cultura, Educación. FP e Universidade, está dotado con 15.000 euros e diríxese a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan entre os seus fins a protección e fomento da Ruta Xacobea.
As bases publicadas no Diario Oficial de Galicia recollen que para optar ao galardón as entidades solicitantes deben ter unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento e acreditar o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores do Camiño de Santiago tanto dentro como fóra de Galicia. Deberán entregar nas súas solicitudes unha memoria xustificativa explicando o labor realizado neste campo. Tamén se inclúe a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que teña contribuído coa súa traxectoria vital ao fomento dos valores do Camiño.
VALORACIÓN
O xurado, composto por membros da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por expertos en materia xacobea, entre outros, valorará as candidaturas en función de distintos criterios valorados cada un por un máximo de 25 puntos. O primeiro deles serán as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio no que se terán en conta o número de actuacións e os lugares onde son realizadas. O segundo puntuará os traballos de investigación, documentación e fomento do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía.
Nas dúas últimas edicións premiouse a entidades do Camiño de Almería, Pirineos, Ávila e Hungría, así como a Antolín de Cela, promotor de varios proxectos no Bierzo e, a título póstumo, ao médico, antropólogo e académico galego José Carro Otero
O terceiro criterio fai referencia ás accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo e coa organización de peregrinacións e outras actividades. O último deles, pola súa banda, valorará as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, incluíndo labores de acollida e hospitalidade, accións educativas de especial significación, entre outras.
O prazo de presentación de solicitudes será ata o 10 de xuño e as solicitudes deberán ser presentadas a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.
MÁIS DE 20 ANOS
Os Premios Elías Valiña cumpren este ano a súa vixesímo terceira edición en recoñecemento a distintas entidades que traballan a favor do Camiño de Santiago. Na última edición, celebrada o ano pasado, entregáronse os recoñecementos dos anos 2020 2021 que recaeron nas asociacións de amigos do Camiño en Almería, Pirineos, Ávila e Hungría, galardoados polo seu esforzo para manter a esencia da Ruta Xacobea.
Ademais, distinguiuse tamén a Antolín de Cela Pérez, cuxo labor como promotor de numerosos proxectos culturais e sociais no Bierzo ten servido para recuperar e restaurar o patrimonio relixioso Xacobeo. E, a título póstumo, ao médico, antropólogo, docente e académico galego José Carro Otero, polo seu traballo a favor da investigación e divulgación mediante unha perspectiva científica e humanista integral.