A Xunta potenciará e reforzará a marca Galicia Calidade como un selo que englobe, identifique e mellore o posicionamento de produtos do sector primario. Así, este indicativo amparará os produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, aqueles que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación, os derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, así como os que teñan os selos de artesanía alimentaria, Galega 100% e pescadeRías.
Así o explicou o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, no acto de presentación da mostra de produtos rexionais “Da terra e do mar a mellor calidade” promovida por Carrefour e que se desenvolveu este mediodía no centro comercial Alfonso Molina desta empresa de distribución, situado na Coruña.
O conselleiro sinalou tamén que se vai reforzar a presenza da industria alimentaria na marca Galicia Calidade, co fin de que a súa produción gañe en competitividade e notoriedade como instrumento de acceso a novos mercados, tanto nacionais como internacionais. José González enmarcou estas iniciativas no Plan de reactivación e dinamización que impulsa o seu departamento e que suporá un investimento total de máis de 165 millóns de euros, cun impacto económico estimado que superará os 586 millóns.
Esta iniciativa púxose en marcha para facer fronte ás consecuencias negativas da pandemia no sector agroalimentario, un sector no que Galicia -defendeu González- “é pioneira” e por iso vaise reforzar a devandita marca Galicia Calidade mediante unha “promoción transversal”, engadiu. Nesta liña, o conselleiro incidiu en que “Galicia non é unha comunidade autónoma de cantidade, senón de calidade” e insistiu en que “Galicia, no ámbito agroalimentario é sinónimo de calidade”.
MERCAPROXIMIDADE
José González destacou tamén durante a súa intervención a canle Mercaproximidade e salientou a participación de Carrefour nesta iniciativa, que vinculou coa “aposta polos pequenos produtores, que son un dos motores do rural galego”. Por todo isto, o conselleiro rematou reiterando o seu agradecemento a Carrefour por este respaldo aos produtos de proximidade e de calidade de Galicia e incidiu en que “o rural galego o construímos entre todos, administracións públicas, axentes distribuidores e, por suposto, produtores”.