O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrecerá esta primavera un total de 140 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos co fin de dar a coñecer entre os visitantes os seus principais valores e singularidades nunha época do ano distinta ao verán e na que, ademais, moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.
Desde a posta en marcha desta iniciativa por parte da Xunta, en febreiro do ano 2014, xa participaron nela máis de 1.500 persoas e cada primavera detéctase un interese e demanda maiores. Deste xeito, búscase promover a desestacionalización das visitas ás Illas Atlánticas e ademais ofrécese a posibilidade de achegarse aos arquipélagos dun xeito ordenado, sostible e da man de guías especializados no Parque Nacional.
Concretamente, este ano organizaranse oito visitas guiadas entre marzo e abril. As rutas faranse con grupos reducidos co fin de poder ofrecer unha experiencia de calidade e para dar a oportunidade de participar ao máximo número posible de persoas, os interesados só se poderán apuntar a unha delas. Así mesmo, habilitarase tamén unha listaxe de agarda coa que cubrir posibles baixas.
Desde hoxe xa está aberto o prazo de inscrición e as persoas que queiran participar nalgunha das rutas ofertadas poderán anotarse ata catro días antes da data da visita nas oficinas do Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo ou na súa páxina web.
A temática das rutas é moi diversa; dende o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con O segredo dun bosque no medio do mar, pasando polas rochas de Sálvora coas súas Esculturas e lendas e pola toponimia de Ons coa ruta Unha illa de nomes, ata chegar á historia de Cíes a través da visita proposta baixo o título Viaxe no tempo. En todos os casos, son itinerarios recomendados para maiores de 12 anos.
A continuación detállanse o calendario previsto, os portos de saída e o número de prazas das oito rutas que se ofertan en total nas catro illas:
Illa |
Data |
Nome da ruta |
Prazas |
Porto |
Ons |
18 de marzo |
Unha illa de nomes |
20 |
Bueu |
Cíes |
23 de marzo |
Unha viaxe no tempo |
20 |
Vigo |
Sálvora |
15 de abril |
Unha illa de esculturas e lendas |
20 |
O Grove |
23 de abril |
Unha illa de esculturas e lendas |
20 |
O Grove |
|
6 de abril |
Unha illa de esculturas e lendas |
20 |
O Grove |
|
Cortegada |
12 de marzo |
O segredo dun bosque no mar |
15 |
Carril |
26 de abril |
O segredo dun bosque no mar |
11 |
Vilagarcía |
|
7 de abril |
O segredo dun bosque no mar |
15 |
Carril |
Condicións e pasos para participar
Cada persoa poderá participar só nunha das rutas ofrecidas para marzo e abril. A actividade guiada na Illa é de balde, pero cada persoa ten que asumir os gastos de transporte no barco contratado. O importe aboarase á empresa de transporte con anticipación, unha vez o parque lle envíe un correo electrónico cos datos de pago.
Para non poñer en risco a realización destas actividades, a devolución deste importe anticipado só se fará no caso de que a organización ou a navieira anule a visita. Non se devolverá se o participante cancela fóra do prazo establecido (ata 4 días antes da data de celebración) ou non se presenta no momento e lugar acordados.
A dirección do Parque Nacional reservarase tamén o dereito de cancelar a actividade ou modificar os seus horarios en función do número de inscricións, das condicións meteorolóxicas ou doutras causas de forza maior, avisando en calquera caso con antelación a todas as persoas confirmadas.