A Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición do programa Outono Xove para promover actividades de educación non formal dirixidas á xuventude durante as fins de semana dos meses de novembro e decembro. Ofértanse 900 prazas para participar en distintos programas, distribuídos en albergues xuvenís e residencias de tempo libre da xeografía galega.
Poderán participar mozos e mozas de entre 14 e 30 anos que realicen a inscrición telemática a través do formulario en liña da páxina web de xuventude. O prazo abriu o pasado venres 27 de outubro e permanecerá aberto ata cubrir todas as prazas. Este programa inclúe aloxamento nun albergue ou residencia de tempo libre de venres a domingo, manutención completa e un amplo programa de actividades.
Cos programas Outono e Primavera Xove, a Xunta busca desestacionalizar a oferta de tempo libre para a xuventude e ofrecer alternativas de ocio educativo e seguro á mocidade. Así, ademais da tradicional campaña de verán, ofrécense actividades durante os meses de outubro e primavera. Outro dos obxectivos deste programa é darlle aos distintos albergues xuvenís e residencias de tempo libre públicas utilidade durante todo o ano.
OITO INSTALACIÓNS XUVENÍS
As actividades comezarán este venres día 3 de novembro. Dentro do programa atópanse obradoiros de fotografía e cinema, roteiros, espeleoturismo, actividades de realidade virtual e moitas outras propostas. As instalacións que se poñen a disposición son: os albergues xuvenís de Marina Española (Sada), o de Area (Viveiro), o de A Devesa (Ribadeo), Benigno Quiroga (Portomarín), As Sinas (Vilanova de Arousa), Pontemaril (Forcarei), Lug II (Lugo) e a residencia de tempo libre do Carballiño.
A cota de participación será de 25 euros e inclúense descontos por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné xove. Esta iniciativa conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables.