viernes. 22.11.2024

Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, os acordos entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais, relativos ao Plan de continxencia en materia de recursos humanos (covid-19) e ao nomeamento estatutario eventual de continuidade, respectivamente, coas organizacións asinantes de cadanseu acordo (CCOO, CSIF e SATSE, no caso do plan de continxencia; e CESM-OMEGA, UGT, CSIF e SATSE polo que concirne ao nomeamento de continuidade).

Ditos acordos, ratificados no seo da Mesa Sectorial, implican ampliar a duración dos contratos de reforzo dos dispositivos asistenciais relacionados coa covid, atendendo ás circunstancias actuais, moitos dos cales tiñan previsto o seu remate antes de finalizar o ano, estando vinculados á situación de emerxencia sanitaria. Todo o persoal destes contratos vinculados á pandemia continuarán prestando servizos cando menos ata marzo de 2021.

Aínda que o pasado 21 de outubro declarouse a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o certo é que as necesidades sanitarias actuais seguen a demandar a continuidade das medidas de contratación emprendidas para reforzar as unidades e dispositivos asistenciais máis vinculados á prevención, protección e seguimento da poboación galega contra o coronavirus (reforzos para vacinación, na atención primaria, reforzos na hospitalización, servizos de urxencias e UCI, dispositivos de realización de probas e cribado, COVID-auto, etc.), así como a cobertura de ausencias de persoal.

En consecuencia, a Administración sanitaria e as organizacións asinantes dos respectivos pactos sindicais acordaron por unanimidade:
a) Prorrogar por 3 meses máis os contratos fóra de cadro de persoal por emerxencia sanitaria que ían finalizar entre o 30 de novembro e o 31 de decembro deste ano. Son un total de 623 contratos, co seguinte desglose:
- No plano do persoal sanitario a medida afecta a 488 profesionais: 284 da categoría de enfermeira, 5 de enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria, 55 de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, 9 de técnico superior en imaxe para o diagnóstico e 135 de técnico en coidados auxiliares de enfermaría.
- Polo que atinxe a persoal non sanitario, o acordo beneficia a 135 traballadores das categorías de técnico superior en prevención de riscos laborais (4), celador (55), auxiliar da función administrativa (56) e persoal de servizos xerais (20).
b) Prorrogar por 6 meses máis os contratos de continuidade realizados na categoría de enfermeira e que traen causa nos acordos da comisión de seguimento do 30 de outubro de 2020 (DOG do 30 de novembro), por mor asemade da crise sanitaria. Estamos a falar dun total de 115 nomeamentos de enfermaría, os cales tiñan previsto unha duración de 12 meses que estaba tamén próxima a rematar.

As medidas acordadas supoñen en total a continuidade de 738 profesionais, co obxectivo de dispoñer, en todo momento, dos recursos humanos suficientes para dar a axeitada resposta asistencial ante novos contaxios, garantindo deste xeito a maior e máis eficaz protección posible da cidadanía galega.

O SERGAS prorroga os contratos temporais vinculados á loita contra a covid