Intervención do presidente da Xunta no acto conmemorativo do día das Letras Galegas 2020:
" (...) Pasou o tempo, mudaron as circunstancias, Galicia recobrou a súa liberdade e a nosa lingua consolida unha posición legal e institucional que se engade ao patrimonio inmenso de afectos que sempre tivo.
A festa da palabra deixou de ser unha cerimonia na que brillaba un facho tenue de esperanza, para converterse nun espello que reflicte o “latexo” dun país que fala consigo mesmo e cos demais pobos cunha voz inconfundible.
O facho brilla cada vez con máis forza e nin unha pandemia vai ser quen de apagalo, aínda que nos estea a condicionar as nosas vidas. Proba disto é a configuración deste acto e que esteamos a celebrar o tradicional 17 de maio nun 12 de decembro.
Unha anomalía que dá fe dunhas circunstancias adversas, pero tamén da teima por non deixar de celebrar un acontecemento fundamental do noso calendario.
O propio Ricardo Carvalho Calero sufriu na súa contorna familiar o golpe dunha pandemia que sumiu a aqueles tempos na incerteza. Galicia e o resto do mundo enfróntanse hoxe a unha situación semellante que require medidas resoltas, liderado institucional e solidariedade cívica.
Non é un bo antídoto, non obstante, cancelar acontecementos como o que hoxe nos reúne neste Paraninfo da Universidade de Santiago. Todo o contrario. Os pobos precisan nesta encrucillada dunha extraordinaria forza interior que reside en sentimentos que se expresan con palabras; palabras que, xuntas, artellan unha lingua.
En poucos idiomas como o galego se confirma a idea de Homero de que as palabras son “aladas”. Esas ás permítennos resistir mellor o que sucede, e preparar mellor un futuro sen dúbida esperanzador.
A celebración, polo tanto, non é superflua nin prescindible. Necesitamos máis que nunca proclamar que a nosa lingua nos proporciona unha forza adicional, unha unidade máis estreita, uns afectos máis intensos.
Arredor da biografía do galego que homenaxeamos nesta data, gravita unha pregunta que pode formularse igualmente en relación con outros persoeiros da súa xeración. ¿Como conservaron a esperanza? ¿Que resorte lles impediu renderse diante dunha realidade chea de “negras sombras”?
Situándonos no período histórico no que Carvalho Calero se incorpora á gran corrente do galeguismo, os proxectos de Rexurdimento semellaban ilusións cultivadas por un cenáculo reducido de pioneiros.
Por máis que Alfonso Rodríguez Castelao dixera que “nós temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós”, por diante desa xeración galeguista estendíase un deserto no que era difícil albiscar a terra prometida.
A vida de don Ricardo é pródiga en amarguras porque parte do seu tempo foi un tempo ingrato. O galeguismo de entón repite o mito de Sísifo, obrigado a empurrar a rocha montaña arriba para ver despois como se precipita cara ao abismo, no medio de guerras civís e ditaduras.
Os galeguistas de entón semellan o mítico Prometeo castigado por roubar o lume para darllo á humanidade, sendo neste caso a lingua, o lume; e a humanidade, os homes e mulleres de Galicia.
Prometeo segue penando a súa condena, Sísifo continúa soportando a súa pesada carga, mentres que ese galeguismo que nace na penumbra triunfa, e reflíctese na Galicia de hoxe. Formamos parte dun mito auténtico que ten un percorrido que depende da vontade do noso pobo.
Como salienta na súa biografía sobre Ricardo Carvalho Calero Pilar García Negro, el defínese como un “galego universal”. A Galicia como “célula de universalidade”, a Galicia que Vicente Risco considera “un mundo”, está presente no pensamento do noso humanista.
A idea dun país dotado dunha cultura que se espalla e non admite ningunha reclusión, está ben presente no seu discurso de ingreso nesta Academia en 1958. Nesa peza fermosa e fonda, Rosalía de Castro é presentada como “un cume elevadísimo da cultura europea”.
Tamén o foi, por certo, a escritora que durante tantos anos converteu o Caserón da Real Academia Galega da Cidade Vella coruñesa nun dos epicentros da vida cultural de Galicia, España e Europa.
Nese recinto que na actualidade alberga ao Parlamento das nosas letras, Emilia Pardo Bazán daba forma a unha obra que tivo e aínda ten dimensión internacional. Hoxe, trasladamos ese Parlamento ao paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, onde Carvalho Calero impartiu docencia.
Carvalho Calero non se conforma con facer da autora de Cantares Gallegos a gran intérprete do noso, senón que a sitúa no Parnaso europeo, como unha ponte máis entre o noso país e os demais pobos do Vello Continente.
Nese estudo temperán Rosalía de Castro é unha voz europea que fala galego, e incorpórase ao canon cultural que define o ser máis íntimo de Europa. Dicilo nun ano en que tanto Galicia coma o conxunto de España sufrían o illamento, dá fe do valor e do compromiso do erudito que hoxe celebramos.
Hai outro aspecto dese galeguismo universal que merece ser salientado. Os forxadores da idea de Galicia vían en Europa diferentes modelos a seguir. Irlanda foi un deles. Tamén Holanda e igualmente a Bretaña retratada por Alfonso Rodríguez Castelao en As cruces de pedra e por Álvaro Cunqueiro en As crónicas do sochantre.
Carvalho Calero repara na Europa máis próxima representada por Portugal. Loita por un reencontro cun pobo irmán do que nos afastan ventureiros acontecementos, e ao que nos achegan afectos nunca esmorecidos. Máis alá de controversias eruditas sobre os formatos ortográficos, a intuición de don Ricardo anticípase con acerto aos nosos tempos.
Falamos dun home que foi primeiro en moitas cousas. Ocupa a primeira cátedra de lingua e literatura galega; e convértese en adiantado dos vencellos de Portugal e Galicia, na actualidade reforzados grazas á pertenza ao proxecto europeo.
As súas ideas lograron crear unha conciencia que xa ten un feliz reflexo legal. A Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, a coñecida como Lei Paz Andrade de 2014, permite que haxa máis de 4.000 alumnos de portugués en Galicia.
Está vixente ademais un Memorando de Entendemento coa República Portuguesa, e cabe lembrar igualmente que, a instancias de Galicia, España ten ingresado na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa.
Existe un amplo legado de Ricardo Carvalho Calero. Están os seus estudos, a súa poesía, os seus ensaios, a súa novelística, a súa capacidade oratoria. Contamos ademais cunha herdanza viva, depositada nos seus alumnos e discípulos, algúns deles presentes aquí empezando polo presidente Víctor Freixanes.
Todos eles testemuñan un desexo pedagóxico afastado de calquera tentación doutrinaria. Axudou a criar galegos e galegos libres que propician unha cultura e unha lingua libres.
Seguindo esa senda, o Goberno de Galicia ten como eixo desta Lexislatura a potenciación da transmisión interxeracional do galego no seo das familias e a vivencia da lingua na mocidade.
Señoras e señores. Mencionaba anteriormente a figuras da mitoloxía que simbolizan inquedanzas e arelas humanas. A mitoloxía de Galicia, en cambio, está formada por persoeiros que pertencen ao mundo real e construíron a realidade na que os galegos vivimos hoxe.
Fixérono con palabras. Palabra a palabra fixeron este país noso. As que pronunciou e escribiu Ricardo Carvalho Calero teñen un lugar destacado na gran obra colectiva que é Galicia".