viernes. 22.11.2024

Mañá venres, 4 de decembro, cúmprese o 35º aniversario da declaración da cidade de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. Para conmemoralo, o Consorcio de Santiago estivo a realizar unha serie de actividades dirixidas a toda a cidadanía ao longo destes últimos meses, que agora culminan coa celebración dun evento no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Todas estas iniciativas enmárcanse no proxecto europeo “AtlaS-WH”, do que forma parte o Consorcio, centrado na xestión sostible das Cidades Patrimonio da Humanidade incluídas na Área Atlántica.

Co fin de que o evento poida seguirse en directo polo maior número de persoas posible, será tamén online a través da canle de Youtube do Concello de Santiago, no enlace https://youtu.be/kUJYIGogt6E.

Baixo o lema “A xestión do Patrimonio Mundial da Unesco”, o acto comezará ás 10:00 horas e prolongarase ao longo de toda a mañá. Na inauguración contarase coa presenza do secretario general de Cultura do Ministerio de Cultura y Deporte, Javier García -que participará telematicamente-; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

De seguido intervirá o alcalde de Porto, Rui de Carvalho de Araújo Moreira -de xeito telemático-. Abordará a complexidade da xestión dunha cidade Patrimonio Mundial da Unesco a través do caso particular de Porto.

Xerardo Estévez, arquitecto e rexedor da cidade no momento da súa declaración como Patrimonio da Humanidade, lembrará como foi o proceso de candidatura de Santiago. E salientará as claves e os valores que fixeron que a Unesco situara á cidade compostelá na máis alta posición en relación á protección do Patrimonio Mundial.

UNESCO

A xornada rematará cunha mesa redonda de debate sobre “O Patrimonio da Unesco en Galicia: múltiples experiencias de xestión”. Estará moderada pola concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón. Participarán na mesma o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez.

Concurso de postais

No transcurso do acto entregaranse os premios do concurso de postais Who cares? (Quen o cuida?), dirixido a alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria. A través deste certame animouse aos rapaces a que reflexionaran sobre a importancia de vivir nunha cidade Patrimonio da Humanidade pero tamén sobre os retos que supón o seu mantemento de cara ás xeracións futuras.

O Consorcio de Santiago celebra unha xornada conmemorativa do 35º aniversario da...