O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá a nova musealización do claustro do convento de Herbón, un espazo que recuperou o seu esplendor e se puido abrir ao público grazas ás obras de conservación acometidas pola Xunta de Galicia, cun investimento de preto de medio millón de euros.
Fundado no ano 1396, o complexo de Herbón é un dos bens máis senlleiros do Camiño Portugués e da comarca de Santiago de Compostela. Os obras de conservación acometidas pola Xunta centráronse na recuperación do claustro, tanto no referido a cubertas e muros como á restauración do forxado do piso do primeiro andar, no que se atopa o espazo musealizado
O titular do departamento de Cultura do Goberno galego agradeceu á comunidade de irmáns franciscanos a súa disposición para amosar á cidadanía bens eclesiásticos de interese patrimonial como os exhibidos neste novo espazo. “A recuperación do claustro, a peza de maior antigüidade deste conxunto, é un fito en si mesmo, que permitiu ademais habilitalo para darlle un uso cultural que permita amosar á cidadanía a historia deste conxunto, declarado Ben de Interese Cultural no ano 2013”, salientou Román Rodríguez.