viernes. 22.11.2024

O titular do Goberno galego trasladou hoxe a análise por parte do Consello da Xunta da Axenda Enerxética de Galicia 2030, a folla de ruta coa que establece unha serie de obxectivos para acadar a neutralidade climática en 2050. Un plan que tal e como explicou contará cun investimento inicial de 630M€ no período 2022-2024 para acadar unha mobilización público-privada de máis de 1500 millóns e crear un mínimo de 11.500 empregos ao ano.

A este respecto, destacou que, aínda que inclúe medidas para pemes, industria e autónomos, se centrará fundamentalmente en impulsar medidas -159M€ de fondos públicos- que permitan aos fogares realizar un consumo máis eficiente e reducir así na súa factura eléctrica.

Prevese mobilizar a través desta Axenda Enerxética ao redor de 1500 millóns de euros de investimento público-privado durante o período 2022-2024 e xerar 11.500 empregos ao ano

Galicia, que xa é un referente en enerxías renovables, pretende con esta Axenda traballar cara a un modelo sostible e un novo mix enerxético con novas tecnoloxías -como poden ser o hidróxeno verde, os gases renovables e a economía circular, os biocombustibles, o almacenamento enerxético ou a eólica mariña-.

“Queremos que cando chegue o 2030 o 85% da xeración eléctrica en Galicia proceda de fontes renovables, que as emisións de gases de efecto invernadoiro se reduzan un 55% e acadar un 40% de mellora de eficiencia enerxética no consumo final”, abundou.

Preténdese polo tanto camiñar cara a unha Galicia neutra en carbono no 2050, diminuíndo a dependencia enerxética do exterior, descarbonizando os sectores económicos e sociais, posicionando Galicia como un polo enerxético innovador e apostando por unha industria eficiente e sostible. Preténdese, ademais, axudar ás familias -con especial atención ás máis vulnerables- con medidas que favorezan o aforro e a eficiencia enerxética á vez que se promoven aforros económicos nas facturas enerxéticas. Deste xeito, destínanse 159M€ a programas e actuacións que terán como beneficiarios finais os fogares galegos.

SETE EIXES

Ao longo da súa intervención tamén explicou que esta Axenda conta con 56 medidas concretas ao redor de sete eixes de actuación. O primeiro centrarase no desenvolvemento de enerxías renovables. Así buscarase un incremento desta tecnoloxía aproveitando os recursos enerxéticos locais. Neste sentido, máis do 74% da enerxía eléctrica producida en Galicia actualmente é con fontes renovables, sendo a segunda Comunidade con máis xeración eléctrica de orixe renovable. Tamén se apostará pola integración das enerxías limpas e o impulso do almacenamento enerxético, así como polo autoconsumo. Outra das medidas destacadas é a promoción dun Hub de hidróxeno renovable na Comunidade. Destinaranse 120,3M€ entre 2022 e 2024.

O segundo eixe (8,5M€ ata 2024) xirará ao redor da economía circular, para o que se contempla a valorización enerxética de residuos para autoconsumo, a incorporación dos gases renovables no sistema enerxético ou a implantación de solucións avanzadas.

En terceiro lugar, realizarase unha decidida aposta pola mobilidade sostible, fomentando fontes de enerxía renovable no transporte e un corredor verde do norte, así como a renovación do parque móbil ou a promoción do vehículo eléctrico. Contarase con 143,8M€ ata finais de 2024.

O cuarto eixe ten como obxectivo a descarbonización dos diferentes sectores, desde as actividades económicas creación do selo Empresa Sostible de Galicia, aos edificios residenciais, sector terciario, administracións públicas e sector primario. Entre as medidas que se queren impulsar destaca o apoio a proxectos singulares de descarbonización e renovación industrial para aquelas industrias tractoras que polas peculiaridades das actuacións que se queren desenvolver non encaixan nas convocatorias habituais. O orzamento entre 2022 e 2024 ascende a 277,4M€.

POLÍGONOS ECOEFICIENTES

Un aspecto fundamental na nova Axenda será o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación -33,3M€ ata 2024-, a través de proxectos no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, acordos con institucións, así como fabricación de compoñentes neste eido; o fomento dos polígonos empresariais ecoeficientes aos que se destinarán 17,5M€.

Neste sentido, activaranse incentivos tanto para a mellora das infraestruturas no eido enerxético nos parques industriais como para a promoción de comunidades enerxéticas empresariais -un novo sistema enerxético colaborativo para lograr un uso máis eficiente da enerxía e mellorar a competitividade das empresas-. Neste punto, agárdase apoiar entre seis e oito proxectos en polígonos. De feito, a Xunta de Galicia xa está traballando coa Tecnópole na implantación da primeira comunidade Enerxética, da que se beneficiarán ao redor de 50 empresas -cifra que se podería ir incrementando-. Cun investimento previsto de 2 millóns de euros, este proxecto en San Cibrao das Viñas (Ourense) contaría cunha potencia instalada de 2MW a través da dispoñibilidade de espazo en cubertas de edificios e terreos para a xeración de 2500MWh/ano.

En sexto lugar, adoptaranse medidas para avanzar na transición xusta con plans de aforro enerxético para as familias, programas de formación de profesionais relacionados coas novas fontes de enerxía e a loita contra a pobreza enerxética. Este eixe contará con 40,2M€ ata 2024.

No sétimo eixe están as medidas que se deseñen de acordo aos requirimentos dos fondos europeos Next Generation, así como dos fondos de transición xusta, e desde o punto de vista da colaboración público-privada para obter un maior financiamento dos programas.

A nova Axenda Enerxética de Galicia
Comentarios