A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vai celebrar este luns, 9 de maio, unha xornada semipresencial sobre “As oportunidades para a investigación no programa Europe Next Generation”. Terá lugar de xeito presencial no salón de actos do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) da Universidade de Santiago, a partir das 17.30 horas. Ademais, poderá seguirse a través da plataforma Zoom, previa inscrición (https://acortar.link/Vljd4N).
Neste encontro participarán o subdirector de Proxectos Tractores do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Santiago Álvarez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio. A continuación celebrarase un debate co público asistente, moderado polo presidente da Academia, Juan Lema.