viernes. 22.11.2024

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), destaca que o cambio de hora previsto para esta fin de semana –co comezo do horario de outono, na madrugada do sábado ao domingo deberanse retrasar os reloxos unha hora (ás 03.00 horas serán as 02.00 horas)–, representa un aforro potencial de enerxía en iluminación estimado no 1% para o sector doméstico, e do 3% para o sector servizos, alcanzándose unha diminución no consumo eléctrico total no conxunto de Galicia próximo ao 0,4%.

Este aforro que vén motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo no eido familiar. Así, permite un maior aproveitamento das horas de luz, o que suporá empregar a luz solar para o desempeño de distintas actividades durante o día e, deste xeito, diminuír os consumos enerxéticos.

Para alcanzar este potencial de aforro, é preciso levar a cabo durante todo o ano un uso racional e responsable da enerxía a través de pautas sinxelas, como prescindir da luz artificial cando non é necesaria; utilizar tecnoloxías de aforro en iluminación de baixo consumo; instalar sensores que apaguen ou regulen a iluminación artificial; ou optar pola renovación de fiestras para evitar as fugas de calor.

Estes hábitos, sumados a outros como unha correcta temperatura de climatización das vivendas (cada grao de temperatura que se sobe no termóstato supón un incremento de entre o 5% e o 7% do consumo de enerxía), o adecuado funcionamento dos electrodomésticos ou o seguimento de pautas de condución eficiente, poden permitir ao cidadán, sen renunciar ao confort, diminuír o seu consumo enerxético anual ata un 35%, ademais de evitar emisións contaminantes á atmosfera.

O consumo enerxético das familias galegas tense incrementado na última década ata supor o 30% do total autonómico, unha cifra que implica un gasto medio anual en enerxía de 2600 euros, distribuídos maioritariamente no consumo de calefacción e vehículos.

O cambio horario vén motivado pola Novena Directiva que rexe o denominado “Cambio de hora”, de obrigado cumprimento para todos os países da Unión Europea, vixente desde o ano 1981 e que se renova cada catro anos.

AFORRO

O Inega ten a disposición dos cidadáns a Guía práctica de aforro de enerxía, que se pode consultar na súa páxina web e na que se sinala a importancia de adoptar hábitos básicos, como aproveitar en maior medida a iluminación natural, potenciar a utilización de tecnoloxía eficiente mediante o uso de detectores de presenza, fotocélulas e outros mecanismos de regulación e control. En canto á calefacción é moi rendible a substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa. De feito, o Inega conta con axudas neste eido que, ao remate deste ano 2020, terán permitido a instalación de 7000 caldeiras de biomasa na Comunidade desde a súa posta en marcha.

Deben evitarse tanto as filtracións de aire como o recubrimento dos radiadores con roupa que dificulta a transmisión da calor. Este tipo de medidas son compatibles con outras actuacións que se poden realizar durante todo o ano e que se atopan tamén nesta guía. Así, a substitución dunha lámpada incandescente de 100W por outra de baixo consumo ou de tecnoloxía LED supón un aforro enerxético do 80%-90%, mantendo os niveis de iluminación e confort; e apagar aparatos como a televisión ou o vídeo co interruptor principal e non co mando a distancia pode representar un aforro dun 3% na factura de enerxía anual.
 

Na madrugada do sábado ao domingo deberanse retrasar os reloxos unha hora