A Xunta abriu hoxe ao tráfico o novo acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde o Concello de Dozón, posto en servizo desde as 9 horas desta mañá. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde do municipio castrense, Adolfo Campos, supervisaron a posta en marcha deste enlace.
Trátase do novo ramal de conexión construído pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade entre a autovía autonómica e a vía de titularidade estatal N-525, en Dozón, que permite o movemento directo de incorporación en dirección á cidade das Burgas.
A obra, á que se destinou un investimento autonómico de máis de 1 millón de euros, consistiu na execución do enlace que comeza na contorna do punto quilométrico 275 da estrada nacional. A actuación supuxo a ampliación do carril de vehículos lentos preexistente e cruzar a AG-53 a través do paso inferior do punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía da Xunta pola súa marxe dereita en sentido Ourense.
Nesta intervención incorporáronse algunhas das achegas formuladas no período de exposición pública para facilitar a accesibilidade a unha granxa próxima.
A nova vía entre a N-525 e a AG-53 ten dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autovía pola súa marxe dereita, manténdose a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.
As obras incluíron, ademais, a habilitación dunha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.
A construción deste acceso á autovía responde a unha vella demanda do municipio de Dozón, que ata o de agora só contaba cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago. Deste xeito, o novo ramal evitará que os veciños deste concello pontevedrés e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense.
A Xunta segue a traballar no proxecto que completa todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía AG-53. O futuro ramal, co que se rematarán todas as conexións, situarase no punto no que está o actual semienlace e permitirá que os vehículos que procedan de Ourense poidan saír directamente cara a Dozón.