A Xunta de Galicia achegará preto dun millón de euros para continuar desenvolvendo un programa integral de atención a persoas con discapacidade, que conta con diferentes servizos centrados principalmente na mellora da autonomía e da integración social dos participantes.
Profesionais do ámbito da discapacidade traballan desde unha perspectiva multidisciplinar cos usuarios ao contar con fisioterapia e rehabilitación; con servizo de estimulación sensorial e neuropsicoloxía, para mellorar as funcións cognitivas tras ser danadas; con terapia ocupacional, para axudarlles na realización de tarefas cotiás; ou con logopeda.
Máis en concreto, os participantes desfrutan de terapia acuática, dunha sala de integración sensorial e psicomotricidade, de equipamentos punteiros empregando novas tecnoloxías e con terapias que lles permite mellorar alteracións de voz, fala e linguaxe, por exemplo.
A Xunta de Galicia ten un compromiso coa atención á discapacidade, por esa mesma razón destinará para o vindeiro 2023 máis de 165 millóns de euros a este eido. Isto é máis do dobre que o que se dedicaba a este ámbito no 2009, cando os fondos eran de 65 millóns de euros. Con este esforzo orzamentario o Goberno galego incrementou un 25% as prazas públicas de atención diúrna e residencial e multiplicou por 13 a cobertura do servizo de atención temperá, entre outros aspectos.