A conferencia do vindeiro luns, 20 de novembro, tratará sobre o material vexetal na produción de castaña, en particular sobre a aplicación do Programa de Mellora Xenética do Castiñeiro. Impartiraa Beatriz Míguez Soto, bióloga do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural.
A experta salienta que “o Centro de Investigación Forestal de Lourizán dispón de importantes coleccións de xermoplasma de castiñeiro, froito de décadas de traballo de prospección, caracterización, selección e conservación de material. Nos últimos anos fíxose un grande esforzo en caracterizar material relevante na produción de castaña, co fin de mellorar a produtividade, a calidade do produto e a tolerancia a pragas e enfermidades”. A investigadora indica que todas estas coleccións son fundamentais para o progreso do Programa de Mellora Xenética do Castiñeiro, xa que permitirán obter novos materiais máis resistentes a enfermidades e con mellor adaptación climática, ao tempo que aportarán un maior coñecemento das nosas variedades tradicionais para seguir achegando información relevante en relación ás recomendacións do seu uso.
Beatriz Míguez explica que o Programa de Mellora Xenética Forestal do Castiñeiro para Galicia iniciouse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán no ano 2010, deseñándose distintos tipos de cruzamentos controlados. En 2015, ante a necesidade de obter novos portaenxertos híbridos resistentes á tinta e ademais cun maior rango de adaptación climática ao frío e á seca, deseñouse unha nova liña de cruzamentos controlados. Como resultado, obtivéronse máis de 200 xenotipos de diferentes familias. “A importancia deste material radica en que os clons obtidos son híbridos cun 75% de Castanea Sativa -variedade autóctona do castiñeiro europeo- e só un 25% de castiñeiro xaponés (Castanea Crenata), empregándose por primeira vez no cultivo da castaña en Galicia” -destaca-.
Importantes avances na loita contra o cancro do castiñeiro
Por outro lado, no centro de Lourizán levouse a cabo un ensaio para determinar a tolerancia destes materiais á enfermidade do cancro, unha enfermidade fúnxica grave que afecta aos castiñeiros. “Aínda que non se detectaron resistencias, determináronse diferenzas significativas en canto á supervivencia e progresión do fungo entre os novos clons avaliados. Trátase dun resultado moi relevante, tendo en conta a expansión da enfermidade e a dificultade do seu control” -indica a investigadora-.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán incorporou nos últimos tempos 23 variedades tradicionais de castaña no Rexistro de Variedades Comerciais.
INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.