A Medalla do Parlamento de Galicia deste ano recoñecerá á cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal, focalizando este recoñecemento na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, como entidade pioneira que, desde a lealdade institucional aos dous estados, abriu camiños neste ámbito no conxunto da Unión Europea. O acordo foi adoptado este mes de febreiro, por unanimidade, pola Mesa da Cámara logo da proposta efectuada polo presidente do Parlamento. Miguel Ángel Santalices Vieira.
A Medalla será entregada ao actual titular rotatorio da Comunidade de Traballo, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, Antonio Cunha, nun acto que se celebrará a principios de abril no Pazo do Hórreo.
O 31 de outubro de 1991 constituíuse en Porto -logo de diferentes traballos previos- a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ao abeiro do Acordo Constitutivo, elaborado en virtude do Convenio Marco Europeo sobre Cooperación Transfronteiriza entre Comunidades e Autoridades Territoriais do Consello de Europa de 1980. Contaba co apoio da Unión Europea e dos gobernos centrais de España e Portugal nun contexto de estrito respecto ás soberanías nacionais.
Esta Comunidade de Traballo, impulsada pola Xunta de Galicia e pola Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, permitiu institucionalizar e intensificar as relacións entre as dúas rexións, tanto co respaldo económico de diferentes iniciativas comunitarias transfronteirizas, como doutro tipo.
A Presidencia da Comunidade de Traballo corresponde, alternativamente, cunha periodicidade bianual, aos presidentes da Xunta de Galicia e da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal.
A posta en marcha da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal propiciou, simultaneamente, o achegamento e a colaboración entre outras organizacións públicas e privadas dos dous países.
Esta suma de esforzos ao longo de máis de tres décadas abriu camiños pioneiros no ámbito da cooperación transfronteiriza na Unión Europea, convertendo á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nun modelo a seguir como espazo de confluencia do traballo de diferentes entidades e organizacións de Galicia e da Rexión Norte de Portugal.
A xuízo da Mesa do Parlamento, o que outrora era unha fronteira celosamente gardada polas autoridades dos dous países, converteuse hoxe, grazas a ao traballo de uns e outros, nun vizoso espazo de intercambio, colaboración e entendemento.
A Eurorrexión integrada por Galicia e o Norte de Portugal configúrase como un espazo de forte interrelación social, económica e cultural, pleno de oportunidades e cun gran potencial de desenvolvemento. O territorio constituído polas dúas rexións ocupa unha superficie total de 51.000 quilómetros cadrados e conta cunha poboación de 6,4 millóns de habitantes.
EDICIÓNS ANTERIORES
Nas anteriores edicións, a Medalla do Parlamento de Galicia foi entregada aos/as expresidentes/as do Parlamento de Galicia (2006); Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, en 2017); Cáritas diocesanas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS (2018); e á emigración galega (entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos, na edición de 2019).
No ano 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopaba disolta na data prevista para o acto de entrega que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da covid-19.
No ano 2021 a Medalla do Parlamento foi entregada ás fundacións que perpetúan o legado da Xeración Nós, mentres que na edición de 2022 se recoñeceu o labor das institucións estatutarias (Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega), pola súa contribución ao afianzamento do autogoberno.
Desde a súa primeira edición, a Medalla do Parlamento de Galicia veuse entregando o 6 de abril de cada ano, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Este ano, a entrega adiantarase ao 4 de abril, por cadrar na semana santa.