A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a solicitude de 180 millóns de euros do Fondo de recuperación para sendas e comunicacións no rural coa fin de avanzar na vertebración do territorio e xerar 1.000 empregos.
Vázquez Mourelle mantivo unha xuntanza telemática con representantes da Federación Galega da Construción e de Ageinco, na que tamén participaron os presidentes destas entidades, Diego Vázquez Reino e Daniel Prieto Renda, respectivamente.
A titular de Infraestruturas explicou que a Xunta vén de presentar ante o Ministerio 10 conxuntos de proxectos para seguir avanzando na modernización do transporte e na mobilidade sostible, que suporán un investimento conxunto de 400 millóns de euros de fondos europeos de recuperación.
Na reunión de hoxe abordáronse dous deses programas, vinculados á execución de sendas peonís e ciclistas en Galicia. Neste sentido, a conselleira sinalou que se trasladaron iniciativas para construír novas sendas e investir 92 millóns de euros deses fondos.
Lembrou que no período operativo 2014-2020 se executaron case 170 km de sendas peonís e ciclistas nas estradas autonómicas, con fondos europeos e fondos propios, e que o obxectivo é seguir transformando a mobilidade con novos itinerarios, tanto nas estradas autonómicas como nas de titularidade doutras administracións, e coa prolongación e mellora da rede de rutas ciclistas Eurovelo.
Engadiu que tamén se solicitou ao Ministerio o investimento doutros 91 millóns de euros para o acondicionamento de estradas no rural e para a mellora da accesibilidade.
Os proxectos que a Xunta remitiu ao Goberno de España teñen como obxectivos garantir a xestión dixital do transporte público, priorizalo nos ámbitos urbanos e metropolitanos, facilitar os desprazamentos non motorizados, ofrecer alternativas de mobilidade permanente e mellorar a competitividade e a seguridade do transporte de mercadorías.
Ethel Vázquez fixo fincapé en que se trata de proxectos transformadores que no seu conxunto suporán tamén un pulo ao emprego no sector da construción, xa que levan asociados 2.300 postos de traballo.
No encontro de hoxe, a conselleira tamén lle presentou ao sector o banco de unidades de obra da Axencia Galega de Infraestruturas, que servirá de referencia en canto a prezos máximos para os proxectos de obra civil que tramita a Xunta.
Apuntou que este instrumento permite adecuar os prezos dos proxectos promovidos pola Axencia Galega de Infraestruturas aos valores de mercado, de cara a facilitar a contratación das obras públicas.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende así a demanda trasladada polo sector, facilitando a súa actividade nestes momentos complicados.
O Goberno galego vén defendendo desde o primeiro momento da pandemia o carácter esencial das obras públicas. Cómpre lembrar que Galicia foi a primeira comunidade en reactivar as obras públicas, as licitacións e as adxudicacións de novos investimentos para manter viva a economía e mitigar o impacto da situación no emprego.