O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de manter un encontro con María Jesús Rodríguez García, presidenta do Lar Gallego de Pamplona, quen lle deu conta das recentes actividades desenvolvidas por esta comunidade galega, a única existente nesta rexión e que leva máis de sesenta e cinco anos espallando e divulgando a cultura galega, e organizando todo tipo de actividades sociais e recreativas para irmandar aos galegos residentes alí, e a estes coa sociedade de recepción.
“A nosa lingua, o noso idioma, é o máis prezado dos tesouros que nos deu Galicia. E fíxoo cunha soa condición, que a coidásemos. Por iso, quero felicitar ao Lar, que como tantos outros centros galegos, leva décadas contribuíndo á difusión da nosa cultura”, proseguiu Miranda, quen comprometeu o apoio do Goberno galego ao proceso de revitalización que vive a entidade e que está atraendo de maneira salientable ás segundas xeracións.