O premio Diego Bernal que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia, José Luis Gómez, transitou pola peripecia vital do xornalismo en España e no mundo das últimas décadas para sinalar cal é a esencia do xornalismo, na súa intervención tras recoller o Galardón.
Admitiu sen ambaxes a crise do xornalismo, pero sinalou “moitas cousas boas, como a amizade, a honestidade de uns, o compromiso e a profesionalidade doutros”.
Gómez lembrou que “a prensa de calidade en España caracterizouse, durante a maior parte da Democracia, por agrupar tendencias, pero non por ser, sempre, partidaria ou non tan partidaria como é hoxe. Senón máis ben por ser plural na súa información e por fixar posicións só na súa sección de opinión”. Nese punto comparouna coa prensa anglosaxoa.
José Luis Gómez remitiuse aos anos 80 e 90 como “anos de bonanza” para a prensa, nos que “mellorou moito a calidade dos medios”.
Fronte a isto, describiu as ameazas actuais que ten o xornalismo. Primeiro centrouse nos grandes agregadores á marxe da profesión xornalística e en mans de tecnólogos que dominan no só en España senón en EEUU e no mundo.
Logo pasou ás redes sociais das que subliñou que son norteamericanas ou chinas, sen presenza de empresas europeas e que “canalizan os medios”.
“Teñen nas súas mans o control mediante técnicas, no só sofisticadas desde o punto de vista tecnolóxico, senón froito da intelixencia artificial. Isto permite hoxe controlar todo e máis”.
Por riba, Gómez destacou que hai xente nova que pensa que o que se publica nas redes sociais “ten a entidade do xornalismo”, sen decatarse de algo tan elemental como de que nas redes sociais non se fai xornalismo e menos investigación porque carecen de criterios, xerarquización da información, contraste...nin outras moitas cousas.
“Non o saben nin semella que lles preocupe, co risco que isto ten para o sistema democrático”, advertiu. Neste mundo das redes sociais “non vai haber xornalismo de calidade nin xornalismo. As tecnoloxías poden axudar moito, pero as exclusivas conséguenas os xornalistas. Se se perde isto, pérdese a esencia da profesión e a democracia”, concluíu.
RUEDA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o labor dos xornalistas na difusión da realidade galega porque contribúe a fomentar o sentimento de unión e comunidade entre a poboación. O mandatario galego afirmouno na súa intervención na entrega a José Luis Gómez do Premio Diego Bernal que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia.
O titular do Goberno galego, que asistiu acompañado do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, resaltou a figura do homenaxeado, un xornalista que pertence a unha xeración de periodistas “á que lle debemos que Galicia se coñecera a si mesma”. José Luís Gómez foi testemuña das orixes do autogoberno galego e contribuíu desde a súa profesión á creación dunha comunidade e dun sentimento de pertenza “na que toda a cidadanía galega se sinte implicada”. Fíxoo, tal e como recordou Alfonso Rueda, primeiro como testemuña das vicisitudes da primeira fase da autonomía e, despois, como divulgador da actualidade galega e como experto en economía. E sempre, como articulista recoñecido polo seu coñecemento da realidade da que se ocupa e das claves que manexa.
O mandatario galego destacou tamén a traxectoria de José Luis Gómez como executivo e impulsor de novos medios de comunicación que botaron man das novas linguaxes e dos novos soportes periodísticos. Un xornalismo sen cancelas pero que, a entender do presidente da Xunta, non renuncia nunca á súa galeguidade.
Alfonso Rueda felicitou ao homenaxeado e desexoulle novos éxitos na súa carreira xornalística para seguir aportando novos e acreditados puntos de vista sobre o devir diario e a súa repercusión na sociedade galega desde a práctica dun periodismo veraz e independente.