Galicia terá capacidade e instrumentos para determinar cales son os riscos do cambio climático nas súas praias e estuarios, tendo en conta as especiais características da nosa costa.
A Xunta e as tres universidades galegas colaborarán nun estudo sobre a incidencia do cambio climático na costa de Galicia, que incluirá as tarefas necesarias para completar o actual visor cartográfico que achega información sobre dúas variables: os riscos de inundacións e os da suba do nivel do mar.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os reitores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que se completará esta ferramenta coas proxeccións climáticas da erosión, baseadas nas dinámicas de ondaxe que ofrece a infraestrutura de observación de MeteoGalicia. Este visor permitirá coñecer os impactos do cambio climático na costa e avaliar os riscos asociados, tendo en conta as especiais características da costa galega.
Segundo explicar Ángeles Vázquez, identificar este posible risco é un xeito de adiantarse e planificar a toma de decisións co fin de aumentar a resiliencia da costa fronte ao cambio climático.
Subliñou que esta “valiosa información” permitirá á Comunidade detectar os posibles efectos do cambio climático en praias e estuarios, especialmente nos dous quilómetros cara ao interior, ao identificar as infraestruturas e edificacións que se poden ver afectadas, así como os posibles impactos sobre os espazos naturais localizados nesta franxa, e sobre todo valorar economicamente os riscos.
O convenio de colaboración, que prevé un investimento de 192.600 euros ata finais de 2022, é unha mostra da capacidade des xestión da política medioambiental da Comunidade galega, grazas á difusión, divulgación, coordinación e seguimento da estratexia fronte ao fenómeno global do cambio climático.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, salientou que este tipo de proxectos permiten “programar o futuro e os efectos na costa galega” e agradeceu que se conte co potencial das universidades para facer un estudo máis completo.
Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, sinalou que esta é unha mostra máis da longa tradición de colaboración e complementariedade, como consecuencia da especialización destas institucións académicas, entres as universidades. Asemade, agradeceu a confianza da Consellería no sistema universitario de Galicia para colaborar nun estudo tan importante, como todos os relacionados coa economía circular.
'DE GALICIA PARA GALICIA'
Mentres, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, destacou que o proxecto que se impulsou hoxe é “de Galicia para Galicia”, ao ter en conta a singularidade das rías galegas, e agradeceu a oportunidade de transferir o coñecemento das universidades para solucionar os problemas da sociedade.
Por último, a conselleira de Medio Ambiente recordou que Galicia está implicada na loita contra o cambio climático, coa elaboración da futura Lei do clima de Galicia e o desenvolvemento da Alianza galega polo clima, proxecto para o que solicitou a experiencia e apoio das tres institucións académicas.
O Grupo Auga e Medio Ambiente (GEAMA) da UDC analizará os impactos na costa vinculados á erosión; o Grupo Rede da UVigo fará a análise dos riscos socioeconómicos na costa galega derivados do cambio climático; e o Grupo Eco-IURIS da USC estudará como afecta o cambio climático aos ecosistemas costeiros galegos. Posteriormente, o traballo pecharase coas análises dos técnicos de MeteoGalicia sobre os efectos físicos que provocan a acción das augas da costa, que se apoiarán na información xeorreferenciada do Instituto de Estudos do Territorio.