A Xunta segue a avanzar a bo ritmo nas obras do Novo Hospital Público de Pontevedra, o que permitirá restablecer, xa no vindeiro mes de novembro, a circulación na vía principal de acceso ao complexo, a avenida de Montecelo.
O hospital Novo Montecelo sumará así un novo fito na súa execución, coa recuperación do dobre sentido de circulación na avenida Montecelo nun tempo récord, tendo en conta a complexidade de manter aberto o principal viario de acceso ao centro hospitalario e avanzar na obra de ampliación.
Segundo o programa de obras previsto, nos primeiros días de novembro quedará restablecida a circulación en ambos os sentidos da vía e poñerase fin ao tráfico nun só carril no tramo comprendido entre a rotonda do centro ‘Príncipe Felipe’ e o hospital. A recuperación do tráfico nas dúas direccións farase cun firme provisional.
A conclusión definitiva destes accesos está prevista para principios do vindeiro ano e consistirá na extensión do firme de rodadura, formando un carril en cada sentido, carril bici e beirarrúas, xunto a remates finais de urbanización. Mentres, os avances céntranse nas últimas actuacións pendentes dos entroncamentos dos servizos municipais e externos do hospital, como gas, enerxía eléctrica e saneamento, entre outros.
As actuais restricións de tráfico da vía principal de acceso ao hospital rematarán no prazo récord de 6 meses, grazas á coordinación dos traballos e á alta tecnificación do proxecto
Para acurtar prazos e restricións, este fito de restablecemento dos dous sentidos de circulación en apenas seis meses, exixiu unha solución técnica consistente en despregar dúas redes separativas, a de pluviais e a de saneamento, paralelas á avenida Montecelo. Ambas superan os 200 metros de lonxitude e empregan diámetros de tubaxe de ata 800 milímetros. Tamén foi necesario construír un muro de contención de case 200 metros de lonxitude e máis de 5 metros de altura de cota máxima, así como muros de contención de peche de urbanización cara ao hospital actual.
Na parte inferior construíuse a explanada do viario interior polo que entrarán, a unha cota baixo rasante, as subministracións e aprovisionamentos para o Novo Montecelo. Desta forma, o fluxo de mercadorías pasa a quedar fóra dos dous carrís da avenida Montecelo, unha solución que desconxestionará e achegará fluidez ao tráfico neste concorrido viario, ao suprimir os vehículos pesados de saída e entrada ao futuro hospital.
A actuación foi deseñada con parámetros para minimizar o prazo de construción e a súa execución coincidiu cos períodos do ano nos que se rexistra unha menor circulación de vehículos.
Outro desafío técnico das obras foi lograr o acceso ininterrompido pese á dimensión do proxecto de ampliación do hospital público de Montecelo e reducir ao límite a afección pola utilización dun só carril na zona afectada.
A coordinación das obras cos técnicos da Xunta, o Concello de Pontevedra e a xerencia do hospital posibilitou o acceso continuo, tanto ao actual Montecelo, como aos centros educativos, instalacións deportivas e ao complexo ‘Príncipe Felipe’.
REMATE DA ESTRUCTURA PRINCIPAL
A Xunta ten previsto que a finais deste mes de outubro quede coroada a planta superior do último módulo do edificio en ‘Z’ de hospitalización, o que significa o remate de toda a parte estrutural principal do futuro Novo Montecelo.
Ademais, o progreso da obra acelérase igualmente nos módulos de instalacións e nas dársenas de carga, dunha soa altura e con máis de 8.000 metros cadrados de superficie. As dársenas de carga xa se atopan actualmente nun nivel de execución superior ao 50%. Así mesmo, o resto dos traballos en basamento e hospitalización tamén se achan no seu punto de máxima execución.
O Goberno galego intensifica así o desenvolvemento da obra do Novo Hospital Público de Montecelo, de referencia no sector da edificación hospitalaria, que se converterá no gran equipamento asistencial de referencia para os máis de 300.000 potenciais usuarios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Este proxecto transformador do Hospital Público de Montecelo supón, nesta primeira fase en execución, unha achega autonómica que se eleva xa aos 138,5 M€, como consecuencia do incremento extraordinario de prezos.