Esta 19ª edición terá lugar os días 8, 9 e 10 de maio e tamén se poderá participar de maneira online. A temática elixida é “Mellor, de Madeira”, un material que o Parque quere promover de xeito particular, en liña cos seus obxectivos de desenvolvemento sostible. Así, na feria porase de relevo a importancia da madeira como material sustentable, con múltiples beneficios para o noso planeta por ser un produto renovable, biodegradable e cunha ampla variedade de aplicacións en campos diversos como a construción e a fabricación.
CONCURSO DE PROXECTOS
Na modalidade presencial poden presentarse dous proxectos por centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP; que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. No caso da modalidade online non hai límite de proxectos.
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros, para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática “Mellor, de Madeira”, así como o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña.
Ademais do concurso de proxectos, como en cada edición, a feira compleméntase con actividades, talleres, concursos diversos e espectáculos de ciencia.
Concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia e concurso de fotografía a través de Instagram
O alumnado de Primaria de toda Galicia poderá participar no concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2024. O prazo estará aberto tamén ata o 18 de marzo. Os interesados deberán enviar un correo electrónico cos seus deseños escaneados ao enderezo [email protected] ou presentar os orixinais na recepción do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Tamén haberá un concurso de fotografía a través de Instagram. Neste caso o prazo para presentarse remata o 15 de abril e diríxese tanto ao alumnado como ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.
DESAFÍO CIETÍFICO 'MELLOR DE MADEIRA!”
O alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia poderá participar no Desafío Científico “Mellor, de Madeira!”. Consta dunha primeira fase online con tres retos. Para participar no primeiro reto será preciso inscribirse ata o 19 de febreiro a través da páxina web atrevete.galiciencia.com. Para chegar á fase final, que será presencial durante a celebración de Galiciencia, será imprescindible ter participado nos tres retos online.
PARA VISITAR A FEIRA
Os centros interesados en visitar a feira teñen de prazo ata o 18 de marzo para facer a súa reserva. Haberá un límite de 50 asistentes máximo por centro escolar e un mínimo de 25. Tecnópole encargarase de xestionar e custear o transporte.
Máis información: www.galiciencia.com