jueves. 21.11.2024

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, que Galicia convocará en 2020 a maior Oferta Pública de Emprego en educación da súa historia, un 17% máis que a OPE de 2007, a máis alta ata o de agora.

Trátase dunha oferta de 3.654 prazas – 2.036 de novo ingreso e 1.618 de promoción interna- en 88 especialidades, 30 das cales levan unha década sen convocarse. O obxectivo é alcanzar en 2020 unha interinidade do 5%.

O presidente da Xunta explicou que o motivo de adiantar este trámite é “aproveitar para os obxectivos de estabilización a conxuntura actual de certeza na taxa de reposición que nos autorizou a Lei de presupostos do ano 2017” e evitar que a incerteza política e económica a nivel estatal puidese obstaculizar unha convocatoria no 2020 pola falta de presupostos estatais.

En comparación coa OPE de 2007, destaca a aposta polas prazas de catedrático para permitir que os profesores acaden o cumio da carreira profesional docente. Feijóo lembrou que o acceso a estas prazas é “unha reivindicación dos profesores hai anos”.

Ademais, increméntanse os profesores técnicos da FP cun total de 363 prazas de novo ingreso, o que supón “multiplicar por 4 a OPE máis ambiciosa que nunca houbo na formación profesional”, aseverou o presidente da Xunta.

Máis polo miúdo, Feijóo detallou que se convocarán 747 prazas de ingreso libre para mestres; 1.041 prazas para profesores de ensino secundario (781 de ingreso e 260 de promoción interna); 363 prazas de novo ingreso para profesores técnicos de FP; 68 prazas para profesores de Escolas Oficiais de Idiomas (30 de ingreso e 38 de promoción interna); 85 prazas de ingreso para profesores de música e artes escénicas, e 40 prazas para profesores de artes plásticas e deseño (30 de ingreso e 10 de promoción interna).

No que respecta ás prazas de catedráticos, convocaranse 1.300 prazas de promoción interna. Deste xeito, ofertaranse 1.232 prazas para catedráticos de ensino secundario; 50 prazas para catedráticos de Escola Oficial de Idiomas e 18 prazas de catedráticos de Artes Plásticas e Deseño.

Tamén se convocarán 10 prazas de promoción interna para inspectores de educación.

O presidente da Xunta concluíu cualificando esta convocatoria de “histórica, se mire como se mire, por especialidades, por FP, por catedráticos de ESO, por número de profesores de acceso libre e por número de prazas de promoción interna”.Imaxes rel

Galicia convocará en 2020 a maior Oferta Pública de Emprego en educación da súa historia