A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Federación Galega de Caza (FGC) co fin de coordinar as posibles actuacións a desenvolver nos vindeiros meses no marco do plan de acción fronte ao xabaril.
Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda e o sector cinexético volven renovar a súa vontade de colaboración nesta materia, que nos últimos anos permitiu desenvolver con éxito toda unha serie de medidas de xestión e control coas que contrarrestar a sobreabundancia de xabarís na Comunidade e minimizar á vez os danos que ocasionan.
O encontro produciuse apenas tres días despois de que se dera por iniciado o período hábil para poder cazar o xabaril e o corzo en Galicia. Cómpre lembrar, en todo caso, que á marxe da actividade cinexética ordinaria regulada polos correspondentes plans de aproveitamento da especie, a Xunta tamén pode autorizar aos tecores a realizar accións puntuais como medida de control sobre o xabaril, en caso de constatar danos sobre o sector agrogandeiro de determinadas zonas.
O obxectivo desta e doutras medidas de carácter preventivo coordinadas co sector cinexético galego é manter baixo control a sobrepoboación desta especie naquelas zonas con maior incidencia deste problema.
Cómpre lembrar que a xuntanza celebrada hoxe enmárcase nos contactos que, de forma periódica, mantén a Xunta cos diferentes colectivos implicados na xestión deste problema en Galicia e que se plasmou na creación dun grupo específico de traballo que vén coordinándose nos últimos anos para o deseño e a avaliación dun plan de medidas fronte ás afeccións ocasionadas polos xabarís. De feito, a última reunión da comisión de seguimento do plan de acción fronte ao xabaril produciuse a mediados de xuño.