A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar un ciclo de conferencias titulado “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”. As charlas teñen lugar do 23 ao 26 de outubro, das 17.00 ás 20.30 horas, e tamén poden seguirse por streaming previa inscrición.
A segunda destas charlas será mañá martes, 24 de outubro, en Santiago, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (Rúa do Vilar). Centrarase na relevancia da Intelixencia Artificial na nosa vida. Á presentación asistirán a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez; o director da empresa tecnolóxica Plexus Tech, José Manuel Chao; e o coordinador do ciclo, o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago -CiTIUS-.
O “Proxecto Nós” busca que os galegos poidamos interactuar no mundo dixital en igualdade cos falantes doutros idiomas
A xornada comezará coa intervención de Pablo Gamallo, profesor titular da Área de Lingüística Xeral e investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. Falará sobre as tecnoloxías lingüísticas, en particular sobre o Proxecto Nós, que busca o acceso en galego a recursos como os asistentes de voz, os sistemas de recoñecemento da fala ou os tradutores automáticos de alta calidade; co propósito de que poidamos interactuar no mundo dixital en igualdade cos falantes doutros idiomas.
Salienta que “os grandes modelos de lingua están a revolucionar as tecnoloxías lingüísticas, ao seren ferramentas esenciais no ámbito do procesamento da linguaxe natural, capaces de levar a cabo múltiples tarefas, tales como o recoñecemento e síntese de voz, tradución automática, xeración de texto, extracción de información, resumos automáticos, análise de sentimentos e diálogo”.
O investigador explica que “os modelos de lingua, como GPT-4, son xa unha parte fundamental da tecnoloxía actual e teñen un impacto significativo na sociedade dixital. Para a súa elaboración son precisos moitos datos de boa calidade e moita capacidade de cómputo, o que dificulta a súa adaptación ás linguas con poucos recursos. O Proxecto Nós, que procura situar a lingua galega á vangarda da sociedade e economía da IA Artificial, céntrase na elaboración de datos de boa calidade e de modelos de lingua para o galego, coa axuda do portugués, para tentarmos reverter a perigosa tendencia a afastármonos das linguas con moitos máis recursos no eido das tecnoloxías lingüísticas”.
A sanidade benefíciase dos avances en IA mellorando a detección de patoloxías
De seguido participará María José Carreira, profesora titular de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigadora do CiTIUS. Referirase á relevancia da IA no eido da saúde. Nesta liña, indica que “os impresionantes avances da IA están a ter impacto nas nosas vidas. Existen multitude de investigacións realizadas por institucións públicas ou privadas para avanzar no tratamento de distintas enfermidades ou mesmo para facilitar a vida saudable dos doentes e da poboación en xeral”.
A investigadora destaca en particular o impacto da Intelixencia Artificial na análise de imaxes e sinais como os raios X, resonancia magnética, ecografías, tomografía computacional e moitas outras. “Estas imaxes están dispoñibles nas bases de datos dos servizos de saúde, con resultados moi interesantes aplicando sobre elas as técnicas máis avanzadas de redes neuronais. No campo da bioinformática hoxe en día pódense aplicar procedementos de aprendizaxe automática para facer buscas selectivas ou detectar variantes nas secuencias de ADN. Por iso o impacto que está a ter o avance da IA no campo da saúde é realmente espectacular: os sistemas máis avanzados de aprendizaxe automática, os distintos modelos de redes neuronais máis complexos teñen un funcionamento excelente na detección de patoloxías ou de anomalías” -salienta-.
O impacto da Intelixencia Artificial no emprego
Por último, intervirá Luís Alberto Otero, catedrático da Área de Economía Financeira e Contabilidade da USC. O experto manifesta que “as novas tecnoloxías axudarán a crear novos empregos, a mellorar a eficiencia dos actuais e tamén eliminarán outros”. Sinala que o cloud computing, o big data, a internet das cousas, a ciberseguridade e a Intelixencia Artificial son as tecnoloxías que, cunha maior probabilidade, incorporarán as empresas nos vindeiros anos, con “consecuencias incertas sobre o emprego”.
Otero lembra que, segundo estudos da Universidade de Oxford, unha elevada porcentaxe dos traballos actuais (o 38% do emprego en Galicia) estarían afectados polo risco de automatización. Apunta que “a substitución definitiva dos traballadores tan só se producirá cando exista unha vantaxe evidente pero, na maior parte dos casos, moitos empregos están chamados a entenderse coas novas tecnoloxías”. E incide no especial impacto que suporá nas competencias dos traballadores, que deberán someterse a procesos de reskilling (reciclaxe profesional, é dicir, a capacitación para outro posto, a través da dotación de novas habilidades e competencias) e upskilling (formación dun profesional en novas habilidades e competencias que lle permiten medrar no seu rol actual) para seguir desempeñando os seus postos de traballo.
Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro. Pódese participar gratuitamente en todas as conferencias deste ciclo, de xeito presencial ou en liña, previa inscrición: https://forms.gle/vfu43GLQmemwFoXj9