Esta mañá celebrouse a segunda xornada de Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, que xa vai pola súa 15ª edición, e que se prolongará ata este venres. Dirixida a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, estase a desenvolver de xeito online debido ás actuais circunstancias sanitarias, o que permitiu abrila a estudantes de toda España. Pode seguirse en directo a través do Youtube de Tecnópole e da web www.galiciencia.online. Promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).
Esta edición, que ten como lema “A innovación do futuro”, está a amosar aos máis novos cara a onde camiña a innovación. Ao longo da mañá desenvolvéronse varios talleres para alumnos de Primaria e Secundaria. Os de Primaria participaron na proposta “Iluminando o mundo”, unha serie de experiencias vencelladas coa electricidade, grazas ao material tecnolóxico que recibiron nos seus centros educativos. Así, puideron realizar circuítos eléctricos con elementos tan sinxelos como plastilina, pilas e leds. Afondaron no mundo da electricidade e coñeceron todo o que nos aporta na vida cotiá.
COCIÑANDO O FUTURO
Para os alumnos de Secundaria organizáronse talleres co título “Cociñando o futuro”, destinados a ver a relación que existe entre a cociña e a ciencia, en particular coa rama da química. Fixeron algunha receita con moléculas e ata emularon a Ferrán Adrià; elaboraron un falso caviar, un postre que o cociñeiro inventou no seu restaurante El Bulli baseado na ciencia. Tamén cociñaron raviolis, para o que usaron agar-agar, un produto típico de laboratorio. Os participantes puideron realizar todos estes experimentos e receitas de cociña grazas aos kits con materiais que recibiron de xeito gratuíto nos seus institutos.
Galiciencia continúa mañá venres con novos talleres para alumnos de Primaria e Secundaria e nos vindeiros días daranse a coñecer os proxectos gañadores desta edición.