Nunha noite marcada pola celebración e recoñecemento da excelencia empresarial galega, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) celebrou con gran éxito a primeira edición dos Premios Benfeito de Consumo no NH Collection de Santiago de Compostela. O evento serviu como escaparate das empresas que, co seu labor, contribúen significativamente ao progreso socioeconómico de Galicia. A gala conxugou a celebración da excelencia, diversidade e innovación que caracteriza ás empresas galegas, e destacou a aportación significativa destas entidades no territorio.
O programa do evento estivo cargado de momentos memorables e emocionantes, realzando o espírito de colaboración e progreso que caracteriza ás empresas galegas. Carmen Chao e Rafa Durán, os anfitrións da noite, souberon manter un ambiente animado e festivo, resaltando a importancia de cada empresa.
Finalistas e Vencedores: O Corazón da Gala
Na categoría de Produtos Alimenticios, a competición estivo disputada con finalistas como Gadis, Estrella Galicia, CLUN, Pescados Rubén e Aceites Abril. Finalmente, Estrella Galicia levou o premio, un recoñecemento á súa traxectoria de innovación e compromiso co medio ambiente e a cultura e deporte galegos. O premio foi entregado polo Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a presidenta da UCGAL, Rocío Arnoso.
Na categoría de Servizos, empresas destacadas como Be One Ximnasios e Pousadas de Compostela competiron cunha ampla gama de empresas que prestan servizos como os bancarios (Caixa Rural Galega), de transporte (Naviera Mar de Ons) e de subministración eléctrica (Nosa Enerxía S.C.G). O premio, entregado pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o directivo da UCGAL, Óscar Porral; foi para Naviera Mar de Ons, unha empresa que se destacou polo seu compromiso co transporte marítimo sustentable.
En canto a Produtos Non Alimenticios, competían empresas consolidadas con outras máis novas que están revolucionando o mercado galego. Nesta categoría atopábanse Automóviles Louzao, Jesús Babío, Adolfo Domínguez, Droguerías Arenal e Addomo Arquitectura Modular. A empresa vencedora foi Droguerías Arenal, que foi recoñecida pola súa constante innovación e oferta diversificada de produtos. Este galardón foi entregado polo Director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a directiva da UCGAL, María Devesa
Mencións Especiais: Recoñecendo a aposta polo territorio
A noite tamén estivo marcada pola entrega de dúas mencións especiais a entidades que se destacaron pola súa excelencia e impacto positivo no territorio. O Mercado de Abastos de Santiago de Compostela e Bodegas Algueira foron as entidades galardoadas, recibindo os seus premios das mans da Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Susana Rodríguez, e a directiva de UCGAL, Carolina Castro; e do director de Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos, e o secretario xeral da UCGAL, Miguel López, respectivamente.
A celebración tamén contou con intervencións creativas e actuacións artísticas, incluíndo un segmento titulado “Consumo e creatividade: Os Benfeito” con Marcos García, e a actuación de Tonhito de Poi, que engadiu un toque de alegría e diversión á noite.
A presidenta da UCGAL, Rocío Arnoso, e o secretario xeral, Miguel López, foron os encargados de dar por finalizada a gala, despedindo aos asistentes con palabras de agradecemento.
"Esta noite é un claro testemuño do potencial e da forza da comunidade empresarial galega. Estamos moi orgullosas de poder recoñecer e celebrar o voso traballo e o compromiso ", expresou Rocío Arnoso durante a súa intervención.
Tamén houbo tempo para agradecer a todas as persoas consumidoras que participaron no proceso de votación, destacando a importancia da súa voz na elección das galardoadas. "É gratificante ser testemuños do compromiso que os galegos e galegas mostran coas empresas da nosa terra, destacando a súa excelencia e innovación a través dos Premios Benfeito de Consumo", afirmou Miguel López Crespo, secretario xeral da UCGAL.
Esta primeira edición dos Premios Benfeito de Consumo referenda o compromiso da UCGAL coa promoción dun marco de entendemento e colaboración entre entidades, empresas e asociacións representantes dos intereses das persoas consumidoras.