A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra a vindeira semana un ciclo de conferencias centrado nos “Retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables”. Conta ademais co apoio do Campus Industrial da Universidade da Coruña, da Autoridade Portuaria da Coruña e do Instituto Enerxético de Galicia. As charlas terán lugar en formato semipresencial, do 27 ao 30 de xuño, das 17:00 ás 20:30 horas; en Santiago, A Coruña e Ferrol.
A primeira destas charlas será mañá luns en Santiago, no Pazo de San Roque, centrada nas “Estratexias enerxéticas”. Á presentación asistirán o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o presidente da RAGC, Juan Lema.
O estado actual das enerxías renovables en Galicia
A xornada comezará coa intervención de Miriam Bueno, subdirectora general de Prospectiva, Estrategia y Normativa en Materia de Energía do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que abordará a estratexia española de enerxías renovables. Desde que se incorporou á Secretaría de Estado de Energía traballou no desenvolvemento do Plan Nacional Integrado de Energía y Clima, a Estrategia a Largo Plazo para España e coordinou a Estrategia de Almacenamiento Energético.
Miriam Bueno explicará o marco internacional no que se inscribe a necesidade de descarbonización da economía. Nesta liña, afondará no marco estratéxico nacional de enerxía e clima, facendo referencia aos documentos estratéxicos e lexislativos fundamentais. Así, abordará o contido do Plan Nacional Integrado de Energía y Clima, a Estrategia de Descarbonización a Largo Plazo, así como as estratexias derivadas do primeiro e, de maneira específica, a Estrategia de Almacenamiento Energético. Estes documentos fixan os obxectivos nacionais de eficiencia enerxética, enerxías renovables e redución de emisións, así como outros obxectivos sectoriais e as principais cifras enerxéticas. Así, describirá as políticas e as medidas máis relevantes que se van implementar de maneira sectorial co fin de alcanzar eses obxectivos.
De seguido, a secretaria xeral de Industria da Xunta de Galicia, Paula Uría, centrarase na estratexia galega neste eido. Por último, o director do departamento de Enerxía do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Juan Ignacio Rodríguez, explicará o estado actual das enerxías renovables na nosa comunidade e como Galicia afronta os retos e obxectivos plantexados a medio e longo prazo nos eidos da enerxía e do medio ambiente. Incidirá como, no marco actual correspondente aos procesos de transición enerxética e descarbonización, Galicia é referente no uso e aproveitamento de diversas fontes de enerxía de orixe renovable para diferentes usos.
Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro.
O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias deste ciclo, de xeito presencial ou en liña, está aberto na plataforma Zoom:
https://us06web.zoom.us/webinar/register/WN_963ovrHRTA-fHRiy0UnFAw