miércoles. 04.12.2024

A Xunta de Galicia celebra o vindeiro luns, 24 de xaneiro, a cerimonia de entrega dos II Premios Galicia de Innovación e Deseño. Durante o acto, que terá lugar na Cidade da Cultura e poderá seguirse en streaming, daranse a coñecer os gañadores e gañadoras da segunda edición deste certame.

Estes premios son unha iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) para distinguir a contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e do deseño.

O certame conta con seis categorías. Tres delas buscan recoñecer aos profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e ás compañías que, ao incorporalo na súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación. Os profesionais finalistas son os equipos creativos dos estudios de deseño Costa Comunicación Visual, FrutoDS e Desescribir. As empresas preseleccionadas como casos de éxito de incorporación do deseño á súa estratexia empresarial son o Grupo Castrosua e TMC Cancela. Os tres deseñadores menores de 35 anos elixidos finalistas son Damián Calvo, Borja Regueiro e Junior Alén.

As outras tres categorías distinguirán a aqueles profesionais e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. As grandes empresas finalistas son Zendal e Congalsa. As pemes preseleccionadas son GalChimia, Gairesa e Ecoplas Barbanza.

A maiores, será entregado o premio da categoría de traxectoria innovadora á persoa que, a criterio do xurado, fixo unha maior contribución nos últimos anos ao avance da innovación en Galicia de entre os candidatos e candidatas.

Os recoñecementos para a traxectoria innovadora na categoría de grande empresa e o premio para empresas no apartado de deseño terán carácter honorífico, mentres que os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.

Entrega dos os II Premios Galicia de Innovación e Deseño