A Asociación Semente de Monforte, xunto con todas as empresas e institucións colaboradoras, felicita aos gañadores da X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, así como a todos os participantes, cuxa calidade e innovación destacaron de xeito notable.
Tras a presentación dos proxectos, o xurado decidiu conceder os seguintes premios:
-
1º Premio (10.000€): GEMMA & NAZA CHEESECAKES. Esta empresa aposta pola produción artesanal de tortas de queixo, priorizando a calidade, a sustentabilidade e o apoio á economía local. Utilizan ingredientes galegos para garantir frescura e autenticidade, destacando os sabores tradicionais de Galicia e promovendo a colaboración cos agricultores da rexión.
-
2º Premio (6.000€): FICAR AQUÍ, un portal de emprego que busca centralizar a oferta laboral no rural galego. Esta iniciativa permitirá conectar a empresas, administracións e profesionais, creando un espazo que atenda as necesidades do tecido empresarial e fomente o emprendemento.
-
3º Premio (4.000€): ENZICAS, Aceleradora de Queixos e Embutidos con Castañas. Fundada en 2022 e clasificada como Startup por ENISA, esta empresa desenvolve un ingrediente alimentario natural para a maduración de queixos e embutidos, baseado nun fungo filamentoso a partir de castañas.
A entrega de premios e diplomas aos finalistas tivo lugar durante a cea de confraternidade no Parador de Monforte, que contou coa presenza de destacadas autoridades, como a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e outros representantes da administración e do sector empresarial.
Desde o seu inicio, o concurso entregou un total de 189.000€, contribuíndo ao impulso de 29 proxectos innovadores que dinamizan o medio rural. Pilar López, presidenta de Semente de Monforte, destacou que “a ilusión coa que comezamos segue sendo a mesma, e a satisfacción de ver que moitos dos proxectos premiados se convirtiron en iniciativas empresariais exitosas é inmensa”.
A Asociación Semente de Monforte reafirma así o seu compromiso co emprendemento e a innovación no rural, confiando en que cada nova edición continúe a impulsar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento da nosa comunidade.