viernes. 22.11.2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sumouse esta mañá á conmemoración do Día Mundial do Ril, xunto coas asociacións que traballan na mellora da calidade de vida das persoas que sofren esta doenza.

Na compaña do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; o xefe de servizo de Nefroloxía, José María Lamas; o coordinador de transplantes, Lucas Lage; o presidente de Adrovi (Doadores e Receptores de Órganos de Vigo), Celso García; e o presidente de Alcer-Pontevedra (Loita contra as enfermidades do Ril), Eugenio Sánchez; o titular da carteira sanitaria da Xunta manifestou o compromiso e apoio institucional do seu departamento cos pacientes que padecen enfermidades renais.

No transcurso deste encontro, o conselleiro agradeceu o traballo dos profesionais durante a pandemia, xa que tiveron que realizar un importante esforzo organizativo e adaptar a súa actividade ás esixencias para minimizar os riscos de contaxios e garantir a seguridade tanto dos pacientes como do persoal.

Neste senso, o xefe do servizo de Nefroloxía do Chuvi, José Mª Lamas, explica que “tivemos que reorganizarnos e dedicar máis recursos para atender aos pacientes en diálises afectos pola Covid19, posto que estes enfermos, do mesmo xeito que os contactos e os sospeitosos, deberon dializarse en quendas de diálises separadas do resto de pacientes non infectados polo coronavirus. Isto supuxo a apertura dunha quenda de noite, co correspondente incremento de recursos, sobre todo de persoal, e unha importante reorganización da actividade “.
Precisamente esta semana ven de cerrarse esa quenda de noite aínda que “temos toda a loxística e os circuítos preparados para, en caso de necesidade, volver a activar esa quenda de xeito inmediato”, asegura o doutor Lamas.

4.000 PACIENTES

Na actualidade, estímase que o 10% da poboación padece algún grao de insuficiencia renal. Nestes momentos, en Galicia hai máis de 4.000 persoas en tratamento renal substitutivo, das que aproximadamente a metade contan cun transplante e, a outra metade, reciben tratamentos de diálise. Sobre esta última, cómpre subliñar que cada ano na nosa comunidade, incorpóranse entre 350 e 400 persoas a esta terapia.

No que atinxe aos transplantes de ril, o ano pasado fixéronse en Galicia 141. Unha cifra que se vén a engadir ás máis de 4.500 intervencións realizadas desde o ano 1981, no que comezou o primeiro programa de transplantes.

ENFERMIDADE DE GRAN IMPACTO

En concreto, na Área Sanitaria de Vigo o pasado ano iniciaron tratamento por esta causa 62 novos pacientes. En total, na Área viguesa mantense en tratamento a 600 pacientes: 290 transplantados, 285 en hemodiálise e 25 en diálise peritoneal.

“Moitas veces esta patoloxía nas súas fases iniciais pode pasar desapercibida, o que levou a denominar a este problema como a epidemia oculta dos nosos días. Esta dificultade de diagnóstico inicial contrasta cos serios problemas que ocasiona a nivel individual, familiar e social xa que progresa con gran impacto na calidade e limitación da vida dos que a padecen e un importante custo social”.

FACTORES DE RISCO

Este aumento da epidemia oculta por insuficiencia renal está moi condicionado polos factores de risco implicados na progresión desta enfermidade: a diabetes, a hipertensión ou as cardiopatías.
A presenza destes factores de risco previsibles permiten unha ampla marxe de actuación na prevención deste problema simplemente recomendando un “réxime de vida san”. Isto implica seguir unha dieta saudable, evitando o exceso de sal, facer exercicio físico regular adaptado ás condicións físicas e idade de cada un, evitar o tabaco e o sobrepeso, e controlar a hipertensión arterial e a diabetes.

Ademais do anterior, as persoas cos factores de risco mencionados deberán realizar revisións periódicas polo seu médico, en especial a partir dos 50-55 anos. Hai que sinalar que a avaliación da función renal faise cunhas sinxelas análises de sangue e ouriños.

Este ano o lema do Dia Mundial do Ril é “Vivir ben con enfermidade renal” cuxo obxectivo é lograr un bo manexo dos síntomas e adherencia aos tratamentos dos pacientes afectos, promover hábitos de vida saudables, aceptar a enfermidade e aprender a vivir con ela, preocuparse por manterse activos e cunha boa saúde emocional e recomendar e facilitar a enfermos e familiares fontes de información sobre a súa enfermidade seguras, fiables e contrastadas.

Día Mundial do Ril