viernes. 22.11.2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta semana no encontro transfronteirizo Materia e Territorio para presentar o novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza, no marco da Porto Design Biennale que celebrou a súa segunda edición convertida xa nunha cita de referencia para o deseño internacional.

Segundo expuxo Argerey, Diferenza é “a aposta da Xunta de Galicia ata 2024 para impulsar a transformación social e económica da Comunidade desde un enfoque sustentable, a través da creatividade e do deseño como pancas de innovación e competitividade”. Neste marco, o evento celebrado na cidade lusa de Matosinhos serviu para comezar a explorar a oportunidade compartida que Galicia e o Norte de Portugal teñen de liderar o desenvolvemento de novos modelos económicos baseados na sustentabilidade a través do deseño de materiais concibidos para rexenerar.

Así, este programa dá continuidade ao traballo que vén desenvolvendo a Xunta de Galicia desde 2018 para incorporar o deseño ao mundo empresarial como impulsor da competitividade e do crecemento económico, ademais de poñer en valor o labor dos seus profesionais. Nesta nova etapa contémplanse catro eixes prioritarios: o reto climático, a transformación dixital, a competitividade empresarial e o benestar social.

A directora de Gain explicou as cinco grandes liñas estratéxicas que vertebran o programa, dirixidas a fortalecer o crecemento económico a través dos activos intanxibles, como o deseño e a creatividade. Todas elas teñen por obxectivo a construción sólida dun ecosistema galego de innovación en torno ao deseño; a posta en marcha de grupos multidisciplinares de cocreación para conectar ciencia, tecnoloxía e arte; así como liñas de financiamento para o deseño de novos produtos, servizos e modelos de negocio, especialmente os orientados á innovación social.

Ademais, buscan a visibilidade das empresas e profesionais que apostan polo deseño, a innovación e a sustentabilidade como motores de competitividade económica e benestar social; e a configuración da Rede Internacional de Profesionais do Deseño Galego.

Sobre a cuestión específica dos materiais innovadores de perfil sustentable, protagonistas do encontro, Argerey puxo a disposición da comunidade portuguesa do deseño e a innovación a Materioteca de Galicia, cunha mostra física de cerca de 200 materiais no CIS Tecnoloxía e Deseño e unha base de datos dixital en crecemento, grazas ao labor continuo de captación de materiais innovadores creados en Galicia.

Ademais, fixo especial mención ao Certame de Materiais Innovadores de Galicia, que este ano celebra a súa primeira edición no marco de Diferenza. Logo de pechar o prazo de recepción de candidaturas con cerca de 80 propostas procedentes de empresas, grupos de investigación e profesionais da artesanía, os gañadores daranse a coñecer no mes de novembro.

VISIÓN COMPARTIDA

Os asistentes ao encontro tiveron ocasión de compartir tamén a visión de expertos galegos en materiais e sustentabilidade nos campos da arte, do deseño e da economía circular e creativa. David Barro, director da Fundación Didac, destacou a vocación de Diferenza de crear alianzas para o desenvolvemento sustentable, vertebrando ecosistemas que permitan construír un futuro e un liderado compartido. Neste contexto, incidiu na importancia da innovación aberta e da creación compartida para facer máis con menos.

Pola súa banda, a deseñadora industrial Noemí Cortizas subliñou a importancia de conectar os novos materiais coa industria para permitir a súa contribución á competitividade empresarial. Cortizas explicou as bases do deseño CMF, que incide no uso da cor, do material e do acabado para establecer a vinculación emocional do consumidor co produto. Neste ámbito, destacou a necesidade de aplicar a regra de reducir, reutilizar e repensar no deseño de materiais e produtos para garantir a sustentabilidade.

Ademais, o artista Christian García Bello presentou a súa exploración de novas posibilidades dos materiais na escultura, como o envellecemento do viño sobre o papel, e propuxo estudar o noso pasado, a nosa tradición, para afrontar o futuro con perspectiva.

Creatividade e deseño, pancas de innovación e competitividade