A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove o ciclo “A saúde é o que importa”. Esta iniciativa, que se poñía en marcha no ano 2019, está destinada a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual da cura termal.
Esta tarde, a partir das 19:00 horas, celebrarase a terceira sesión deste ano. Debido á actual situación sanitaria provocada pola COVID-19, vai ter lugar de xeito online. O público interesado poderá seguila a través da canle de Youtube da Asociación de Balnearios de Galicia.
Nesta ocasión a charla ofreceraa o doutor Javier Jorge Barreiro, profesor emérito de Anatomía Humana da Universidade de Santiago e ex-xefe do Servizo de Rehabilitación do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Abordará as indicacións da cura balnearia nos trastornos da motricidade e problemas neuro-ortopédicos.
PROGRAMAS ESPECÍFICOS
O doutor Barreiro salienta que “a cura termal é un tratamento complementario importante en fases de rehabilitación e recuperación en pacientes que presentan problemas de mobilidade e, en particular, nos que estes problemas son froito de trastornos de tipo neurolóxico. Os balnearios son os lugares ideais para realizar estes tratamentos”. Nesta liña, o doutor fai referencia ao Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia, unha publicación da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que reúne as indicacións terapéuticas das diferentes aguas dos balnearios galegos. Sinala que nela se destaca o valor da hidroloxía para abordar as doenzas do aparato locomotor como o caso da artrose e “todos os balnearios galegos, pola súa tipoloxía de augas, tratan enfermidades dexenerativas do aparato locomotor, que limitan a mobilidade”.
O doutor pon de manifesto que o tratamento de enfermidades do sistema nervioso é aínda unha materia pendente dos balnearios galegos, un campo por explotar. “As augas mineromedicinais e o contorno propio dos centros termais son enormemente útiles para a recuperación destes pacientes pero requírese unha especialización. Enfermos de Parkinson, persoas que sufriron danos cerebrovasculares, parálisis cerebrais… ven afectado o seu aparato locomotor e o seu sistema nervioso, de xeito que resultaría moi interesante que os balnearios tivesen programas específicos para estes pacientes” -salienta-.
O doutor Barreiro incide en que os balnearios en Francia e noutros países europeos ofrecen esta liña de tratamento a pacientes con patoloxías neurolóxicas, sumando as indicacións terapéuticas das augas con programas de rehabilitación. “E os resultados son moi prometedores. Por exemplo, os enfermos de Parkinson logran mellorías do 80%, moi superiores aos logros obtidos con outro tipo de tratamentos” -asegura-.
O doutor explica que nos balnearios realízanse exercicios sen acción da gravidade. “Cando introducimos un corpo nunha piscina, a gravidade redúcese ata nun 90%, de xeito que se poden desenvolver exercicios na auga coa diminución do 90% do peso corporal, sen necesidade de empregar ningún tipo de aparato que axude ao paciente, e isto ligado ademais aos beneficios terapéuticos propios das augas mineromedicinais. Estes dous factores unidos, augas e rehabilitación, multiplican por dous a eficacia do tratamento e, polo tanto, da recuperación dos pacientes con trastornos de movemento e neuro-ortopédicos” -afirma o doutor-.
Unha vez rematada a charla, terá lugar un coloquio posterior co público participante a través de Zoom. Estará moderado polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal.