O presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, asinou hoxe o decreto de nomeamento dos membros do Executivo, que quedará conformado do seguinte xeito.
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes |
Diego Calvo Pouso |
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático |
Ángeles Vázquez Mejuto |
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional |
Román Rodríguez González |
Consellería de Política Social e Igualdade |
Fabiola García Martínez |
Consellería de Economía e Industria |
María Jesús Lorenzana Somoza |
Consellería de Facenda e Administración Pública |
Miguel Corgos López-Prado |
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas |
María Martínez Allegue |
Consellería de Sanidade |
Antonio Gómez Caamaño |
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude |
José López Campos |
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración |
José González Vázquez |
Consellería do Medio Rural |
María José Gómez Rodríguez |
Consellería do Mar |
Alfonso Villares Bermúdez |
CV DOS NOVOS CONSELLEIROS
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas: María Martínez Allegue
Pontevedresa de 46 anos, é licenciada en Dereito e funcionaria de carreira de administracion local con habilitación de carácter nacional, na subescala de secretaria-intervención.
Exerceu como secretaria-interventora no Concello de Lousame, secretaria nos Concellos de Tui e Mos e tesoureira no Concello de Marín.
Entre 2010 e 2015 foi directora xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), entre 2015 e 2023 xefa de área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra e entre 2023 e 2024 xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra.
Desde as últimas eleccións autonómicas, é deputada no Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra.
Conselleiro de Sanidade: Antonio Gómez Caamaño
Nado en Ferrol en 1962, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Oviedo e especialista en Oncoloxía Radioterápica. Desde o 2013 é xefe de servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, servizo no que levaba traballando desde o ano 2000. Entre 2021 e 2023 foi presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica.
A súa actividade asistencial e investigadora céntrase no cancro xenitourinario, no de pulmón e na radioxenómica. Ten publicados máis de 100 artigos en revistas científicas indexadas, 25 capítulos e máis de 200 comunicacións e pósters en congresos nacionais e internacionais.
É profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela, docente en cursos en varias universidades españolas e poñente en 250 eventos científicos.
Participou tanto dentro do Sergas como a nivel nacional no desenvolvemento de vías clínicas, guías clínicas, documentos de consenso e plans estratéxicos.
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude: José López Campos
Naceu en 1974 na Estrada.
Directivo no sector da banca, a súa traxectoria política comeza en 2003 ao ser elixido concelleiro na Estrada e ocupar os cargos de concelleiro de Industria e Comercio e tenente de alcalde. Nas eleccións municipais de 2011 encabezou a candidatura do PP e foi elixido alcalde da Estrada por maioría absoluta, resultado que revalidou nas convocatorias de 2015 e 2019.
Neste tempo tamén foi deputado no Parlamento de Galicia entre 2009 e 2011 e deputado provincial entre 2011 e 2015 e a partir de xullo de 2019.
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración: José González Vázquez
Naceu en Ourense en 1970. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1997, ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado, especializado en inspección financeira e tributaria e aduanas e impostos especiais.
Foi vogal nato do comité e do pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo desde 2009 a 2014; e representante da aduana española en diferentes comités de reforma do código aduaneiro comunitario en 2009. Ademais de membro de diferentes comisións da Autoridade Portuaria de Vigo para a coordinación dos controis do comercio exterior; profesor asociado do departamento de Dereito Financeiro, na Universidade de Vigo, desde 2002 a 2006; e docente especialista en materia de imposto sobre o valor engadido e comercio exterior e en contabilización de impostos.
Desde 2016 ata 2018, José González Vázquez foi deputado no Parlamento de Galicia, onde desempeñou funcións como: voceiro de Medio Rural do GPP; membro da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; membro da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos; vicepresidente da Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e membro da Comisión Especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia.
Desde 2018 ata hoxe foi conselleiro do Medio Rural.
Conselleira do Medio Rural: María José Gómez Rodríguez
Naceu en Pradedo de Abaixo, Guntín (Lugo) en 1976. Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, desde 2008 é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés.
Desde 2019 é alcaldesa de Guntín e, despois das eleccións xerais de xullo de 2023, senadora pola provincia de Lugo.
Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.