Tras o acto inaugural –no que participaron a presidenta de Seragro, Noelia García; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o concelleiro de Desenvolvemento e Emprego, Mauricio Repetto, e o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina–, o enxeñeiro agrónomo especialista en industrias lácteas Jaime Magdalena abriu a quenda de intervencións técnicas cunha conferencia na que expuxo como a calidade do leite en orixe condiciona a calidade dos produtos lácteos nos procesos industriais, e como nela teñen unha grande importancia o estado sanitario do animal, as condicións de hixiene na explotación e o almacenamento do leite.
O seguinte relatorio, tamén relacionado coa calidade do
leite en canto á garantía da seguridade para o consumidor, correu a cargo da
directora técnica do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite
(Ligal), María Luisa Barreal, que
compartiu cos asistentes o protocolo de inhibidores en leite de acordo coas
obrigas que exixe a lexislación española, en especial en canto á presenza de
antibióticos, e a metodoloxía de traballo que seguen no Ligal.
Barreal asegurou que a maioría dos antibióticos (máis do
90 %) que atopan nas mostras de autocontrol son betalactámicos, que se empregan
en tratamentos de mamite e de secado. Non obstante, tamén afirmou que en 2018
só un 8 % das 7.907 explotacións analizadas deron positivo a inhibidores, aínda
que non perdeu a oportunidade de insistir no “uso prudente destes medicamentos
para garantir a súa eficacia”.
Despois do café pasaron polo estrado tres
relatores estranxeiros que compartiron os seus coñecementos en distintas áreas.
O primeiro en falar foi o colombiano Juan Moreno, CEO da empresa Sexing
Technologies, que departiu acerca das oportunidades que as novas tecnoloxías no
ámbito xenético (biotecnoloxía) ofrecen para a produción sostible de proteína
animal nun mundo que, segundo as previsións da ONU, alcanzará os 9 billóns de
habitantes no ano 2050. “O noso obxectivo como produtores de leite é mellorar a
xenética e a alimentación das vacas para producir máis con menos e para isto
contamos con numerosas ferramentas xenéticas, coma o xenotipado, que podemos
utilizar para competir con outros sectores de produción de alimentos, mellorando
a conversión de alimento, aseverou.
Seguiuno o consultor internacional de vacún
leiteiro e socio dunha granxa en Wisconsin (EE. UU.) na que moxen unas 6.000
vacas Gordon Jones, que puxo o foco
no manexo e na alimentación do período seco da vaca para conseguir resultados
satisfactorios e asegurar unha produción óptima e sen problemas na seguinte
lactación.
Xa en horario vespertino, o veterinario Peter Van’t Veld ofreceu unha
conferencia sobre a calidade e o manexo de lactosubstituíntes.
O experto holandés argumentou por que os
lactosubstituíntes representan unha mellor opción que o leite de vaca para a
cría de xatas, ao garantir unha alimentación sen deficiencias nutricionais e ao
eliminar o risco de transmisión de enfermidades, entre outras razóns. Non
obstante, concluíu que “incluso con leites maternizados da mellor calidade, os
resultados obtidos van depender da súa preparación e aplicación adecuadas (concentración
e temperatura da mestura, número de tomas, temperatura de inxestión, método de aplicación,
hixiene…) e duns procedementos de xestión de recría de xatas lactantes ben
establecidos”.
A continuación subiu ao estrado o profesor da
Universidade Autónoma de Barcelona Ramón
Armengol para explicar como establecer un plan lóxico de descarte e
eliminación de vacas a fin de maximizar a eficiencia produtiva e reducir as
baixas involuntarias. “Planear e analizar a eliminación e o descarte axuda a
identificar os puntos débiles da explotación, a reducir a mortalidade, a
aumentar a rendibilidade, a eliminar enfermidades non desexadas e a tomar
decisións de investimento futuro”, manifestou.
Deseguido volveu a estrado Gordon Jones,
que desta volta desenvolveu unha serie de aspectos prácticos de manexo que
teñen que ver co benestar animal e que el considera claves para conseguir altas
producións e eficiencia produtiva.
A primeira xornada rematou co xa habitual
encontro gandeiro, un espazo pensado para a charla distendida e a posta en
común de experiencias acerca de todo o relacionado coa produción de leite.
O PROGRAMA DA MAÑÁ
O foro
retomarase mañá a partir das 11.00 horas co relatorio de David García sobre control de insectos, roedores e aves en vacún
leiteiro. Seguirao Almudena Tato
cunha conferencia sobre secado selectivo e Rebeca
Cembranos, que contará a súa
experiencia como asesora en nutrición de granxas na rexión alemana de Saxonia.
A continuación, Guillermo Martínez falará da
produción de leite en ecolóxico e, xa pola tarde, terá lugar un bloque temático
que xirará arredor dos descanso dos animais, a tipoloxía de camas e a súa
relación con determinadas pataloxías. Nel intervirán os técnicos de Seragro Gonzalo Gómez e José María García, o doutor enxeñeiro agrónomo Adolfo López, o veterinario Oriol
Franquesa e o gandeiro Pedro Ezcurra.
A alergóloga Beatriz Veleiro porá
punto e final ás XVII Xornadas cun relatorio sobre as alerxias relacionadas co
leite.