viernes. 22.11.2024

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+ para o alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participa nesta iniciativa no actual curso 2021/2022. Desta convocatoria poden beneficiarse todos os estudantes galegos que tivesen dereito este curso ás axudas europeas.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina a estas axudas un orzamento total de 40.000€, e os beneficiarios recibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses.

En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido, Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia, Turquía).

O obxectivo desta convocatoria é facilitar a mobilidade do alumnado das ensinanzas artísticas superiores, promovendo que adquira experiencias formativas enriquecedoras en países diferentes do de orixe.

PRAZO

A solicitude da axuda deberá realizarse obrigatoriamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo para tramitalas estará aberto ata o 4 de abril.

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2021/2022 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores de Galicia e ser beneficiario dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade neste mesmo ano académico xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e máis o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Axudas complementarias do programa Erasmus+ para estadías no estranxeiro do alumnado de...